A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá esta semana tres concertos dentro da programación didáctica que ofrece Compostela Cultura a centros educativos de Santiago e toda Galicia.
Nesta ocasión será Javier Otero, pianista e artista experimental, quen presente o seu proxecto “Xogo de Espellos. Unha ollada a través da música electrónica” para piano e electrónica xunto coa Real Filharmonía de Galicia. O espectáculo ofrece unha aposta pola estética actual, con influencias da natureza e da vida cotiá.
O concerto, que terá unha duración de 60 minutos, estará dirixido por Roberto Baltar e contará co propio Javier Otero ao piano e á electrónica e Rubén Iglesias ao baixo eléctrico e sintetizadores. Trátase dun programa deseñado especialmente para escolares da ESO e Bacharelato.
“Xogo de Espellos son músicas creadas para piano, electrónica e orquestra coas que se busca establecer un diálogo entre a orquestra e a música electrónica a través do piano, utilizando bases rítmicas e electrónicas pegadas á orquestra co que creo que conseguimos sons moi sorprendentes e que van gustar moito”, indica o creador.
A orquestra ofrecerá dous concertos para institutos, o xoves 2 e o venres 3 ás 11h e aos que acudirán estudantes de centros de Santiago e arredores e localidades das catro provincias galegas como Viana do Bolo, Viveiro, Cerceda, O Carballiño, O Grove, Monforte de Lemos, Ponteceso, Celanova, A Illa de Arousa, Vigo ou Láncara, entre outras, que previamente se inscribiron.
Ademais, a Real Filharmonía ofrecerá outro concerto o sábado 4 ás 18.30h aberto ao público familiar e para o que se poden mercar entradas a través da web de Compostela Cultura ou nos despachos de billetes habituais a un prezo de 3 euros.