Horizontes infinitos

REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
Chloé van Soeterstède, directora

Fanny Mendelssohn: Obertura en Do M
Maurice Ravel: Ma Mère L’Oye (Suite)
Eduardo Soutullo: Das Eismeer* (O mar de xeo)
*encarga da Orquesta Nacional de España
Felix Mendelssohn: Sinfonía núm. 5 en Re maior, Op. 107, «Reforma»

Fanny Mendelssohn foi unha compositora de extraordinario talento cuxa obra continúa a ser redescuberta. Durante moito tempo, parte da súa produción permaneceu eclipsada, e algunhas composicións chegaron mesmo a atribuírse ao seu irmán Felix. Os estudos máis recentes matizan unha imaxe deste autor plenamente favorable á difusión da música de Fanny e sinalan as reticencias que amosou cando ela decidiu publicar as súas obras co apelido do marido. Inspirándose en contos e relatos da infancia, Ravel compuxo Ma Mère l’Oye para piano a catro mans, unha obra que orquestrou en 1912 e converteu nun delicado universo de fantasía, cor e refinamento tímbrico. Tamén a natureza serve de punto de partida para Das Eismeer, do galego Eduardo Soutullo, inspirada no cadro homónimo de Caspar David Friedrich. Estreada en 2026, desprega unha poderosa forza expresiva a través de intensos contrastes e dunha rica paleta orquestral. Pecha o programa a Sinfonía núm. 5 «Reforma» de Felix Mendelssohn, escrita na mesma etapa que as sinfonías Escocesa e Italiana. A menos coñecida das tres, viu comprometido o seu percorrido cando a orquestra prevista para a estrea a rexeitou. Baseada nun célebre coral de Lutero, Mendelssohn dirixiuna finalmente en 1832, mais nunca volveu interesarse por ela.

MÉR 12 MAI
Teatro Afundación, 20.00 h
VIGO