Un remuíño de sons en movemento é o que a compositora surcoreana Unsuk Chin traza en Subito con forza, no que se dan a man a música occidental e a oriental. Puramente francés, Chabrier foi moi eloxiado polas súas óperas e a rapsodia sinfónica España; rara vez interpretado, o Larghetto respira unha inusual delicadeza tímbrica, depositada na trompa solista. O seu compatriota Paul Dukas compuxo a Villanelle como un exercicio de exame, polo que desprega todas as dificultades técnicas posibles a partir dun motivo de caza da trompa. O galego David Fernández, trompa solista na Orquestra Filarmónica de Rotterdam, será o encargado de ambas as interpretacións, que darán paso á Terceira Sinfonía de Beethoven. O xenio de Bonn, inspirado e despois decepcionado por Napoleón, desprega nesta obra a enerxía, a tristeza e a intimidade dun xeito nunca antes exposto no xénero sinfónico, motivos polos que foi proclamada hai oito anos como a música mellor composta da historia.
Pablo González, director
David Fernández, trompa
Unsuk Chin: Subito con forza
Emmanuel Chabrier: Larghetto
Paul Dukas: Villanelle
Ludwig van Beethoven: Sinfonía núm. 3 en Mi bemol maior, op. 55 “Heroica”
Coa participación do alumnado da EAEM
Ademais:
CONVERSANDO CON… Pablo González e David Fernández
Sala Mozart, 19:45h