A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana, o mércores 7 e o xoves 8 de febreiro, un novo concerto: Mestres das cortes reais. Este programa, que tamén podería titularse “xoias dos mestres das cortes reais”, recompila obras de Domenico Scarlatti, Pietro Giorgio Avondano, Gaetano Brunetti e Luigi Boccherini.
O fío condutor da selección musical presentada nesta ocasión é a xenialidade presente nas composicións que se facían para a monarquía de distintas partes de Europa. Deste xeito, os asistentes gozarán da brillantez presente na sinfonía de Domenico Scarlatti, un prolífico compositor de sonatas (escribiu máis de 500), e tamén da famosa obra de Luigi Boccherini, Musica Nocturna nas rúas de Madrid.
Enrico Onofri dirixirá á Real Filharmonía de Galicia nas dúas datas deste novo concerto da súa temporada de abono, ‘Migracións’. A primeira delas terá lugar no Teatro Principal de Ourense o mércores 7 (20:00h) e a segunda cita está prevista para o xoves 8 no Auditorio de Galicia de Santiago (20:30h).
Un recoñecido director
A empuñadura da batuta estará a cargo do director italiano Enrico Onofri. Ademais da súa recoñecida destreza diante dunha orquestra, está considerado como un dos máis destacados e influentes violinistas barrocos da actualidade.
A súa carreira comezou cunha invitación de Jordi Savall para ser concertino da Capella Real cando aínda era estudante. Na actualidade, é o director titular da Filarmónica Toscanini de Parma e tamén actúa como director asociado da Münchener Kammerorchester e da Orchestre National d’Auvergne. Igualmente, colabora coa Haydn Philharmonie e tamén dirixe a orquestra Academia Montis Regalis,
Antes do concerto de Santiago, ás 19:45h, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, o director dialogará co público nunha nova cita do ciclo ‘Conversando con…’.
Entradas á venda
Para o evento, as entradas poden mercarse no despacho de billetes da Zona C ou na web de Compostela Cultura a un prezo de 15€. Por outro lado, para o concerto de Ourense, poden mercarse as entradas a través da plataforma Ataquilla desde 10€.