REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
Clark Rundell, director
Michel Camilo, piano
Aaron Copland: Three Latin American Dances (núm. 2 e 3)
Michel Camilo: Suite para piano, cordas e arpa
Michel Camilo: Concerto para piano núm. 1
A fusión de distintas tradicións musicais une a dous músicos que atopan no ritmo o seu horizonte creativo: Copland, cunha enerxía inspirada no jazz, e Camilo, coa súa complexa pulsión afrocaribeña. Máis que un contraste de talentos, este concerto (EN)FOCO XACOBEO propón escoitar a música de Michel Camilo como herdeira da idea que tiña Copland: crear música «clásica» con raíz popular e pulso urbano. As pezas Three Latin American Dances nacen das viaxes de Copland e da súa fascinación pola música latinoamericana, á que rende homenaxe cunha obra chea de movemento, lirismo e cor. Pola súa banda, a Suite para piano, cordas e arpa de Michel Camilo mergúllase, ao longo dos seus catro movementos, nas tres identidades do músico dominicano —a latina, a clásica e a jazzística—, deixando entrever ademais o seu primeiro achegamento ao tango. O Concerto para piano núm. 1, de 1997, convértese nunha auténtica viaxe sonora: desde o primeiro movemento, evocador de paisaxes abertas e cinematográficas, ata un final de virtuosismo desbordante no que piano e orquestra brillan cunha forza electrizante.
VEN 16 ABR (20€)* Concerto incluído no Abono (EN)FOCO XACOBEO
Auditorio de Galicia, 20.00 h