Ecos Sinfónicos

O compositor galego Eduardo Soutullo —Premio Nacional de Música no ano 2023— abre o concerto con All the echoes listen, unha partitura na que o desexo de liberdade e de exquisitez sonora latexa nas tres partes que a conforman. Moito máis apegado ás súas raíces, Vaughan Williams deixou unha extensa obra, da que a Fantasía sobre un tema de Thomas Tallis, que comparte a idea dos ecos da primeira obra deste programa, ficou no imaxinario como unha obra netamente británica desde a súa estrea en 1910, a pesar de que naqueles anos a influencia de Ravel impregnaba toda a súa obra. Igualmente lonxevo, Sibelius afonda na angustia e na dor como experiencia creativa na súa Cuarta Sinfonía, unha obra enigmática e excepcional dentro do seu ciclo sinfónico, que el mesmo dirixiu ante o rexeitamento frontal do público, non habituado a ese lirismo descarnado co que o compositor finés amosaba a desolación do mundo.

Sebastian Zinca, director

Eduardo Soutullo: All the echoes listen
Ralph Vaughan Williams: Fantasía sobre un tema de Thomas Tallis
Jean Sibelius: Sinfonía núm. 4 en La menor, op. 63

Coa participación do alumnado da EAEM

Ademáis:
CONVERSANDO CON… Sebastian Zinca
Sala Mozart, 19:45h