REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
César Ramos, director
Lorena Conde, dramaturxia
Xosé Manuel Esperante, actor
Carla Mojón, actriz
Piotr Ilich Chaikovski: O crebanoces (selección)
Como xa é tradición na Real Filharmonía de Galicia, o concerto de Reis mergúllanos no universo fantástico da infancia a través da música para ballet. Nesta ocasión, faino con O crebanoces de Chaikovski quen, malia a súa angustia existencial, atopou no ballet o territorio ideal para despregar a súa extraordinaria capacidade melódica e o seu sentido orquestral único. Inspirado no mundo imaxinativo de E. T. A. Hoffmann, a obra estreouse en 1892, e transforma un conto de Nadal nunha viaxe chea de cor, fantasía e riqueza orquestral. A delicadeza da Danza da Fada de Azucre, co son da celesta —instrumento case descoñecido daquela—, o fulgor do Valse das flores e a imaxinación tímbrica das súas danzas converteron este ballet nun clásico universal. A través da dramaturxia de Lorena Conde, acompañaremos a Clara, a nena que recibe un crebanoces na noite de Nadal e que, tras durmir, inicia unha travesía máxica cara ao País dos Doces, nun soño que permanecerá suspendido para sempre entre a infancia e a fantasía.
MÉR 6 XAN (15€)
Auditorio de Galicia, 18.00 h