Cineuropa

A cita anual de Cineuropa coa Real Filharmonía de Galicia vén este ano da man de Steamboat Bill Jr. (en galego traducida como O heroe do río), o filme que en 1928 dirixiron Charles Reisner e Buster Keaton, quen tamén a protagonizou. Para esta comedia muda, o director e compositor Timothy Brock escribiu, en 2003, unha banda sonora na que pasea pola ironía, a dozura e a extravagancia da película, a través dun traballo orquestral cheo de matices. Como o propio compositor manifesta, compoñer música para Keaton demanda pensar moito na relación narrativa entre a escena e a música, en termos de sincronía e cores musicais, pero demanda tamén saber rir… como lle aconteceu a Shostakovich, gran compositor para cinema, en 1926 cando, acompañando ao piano unha película de Chaplin, non puido sufocar unha sonora gargallada, gañando o seu despido fulminante.

Timothy Brock, director

Steamboat Bill, Jr. (O heroe do río)
Directores do filme: Buster Keaton e Charles Reisner (EUA, 1928)
Música: Timothy Brock (2003)