Chloé van Soeterstède dirixe o vindeiro concerto da Real Filharmonía de Galicia

Xunto á violonchelista Nadège Rochat, a directora Chloé van Soeterstède estará á fronte da RFG durante o espectáculo ‘Únicas’

O concerto terá lugar o xoves 30 de xaneiro no Auditorio de Galicia, en Santiago, e tamén o venres 31 no Auditorio de Ferrol, ambos ás 20:30h

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana, o xoves 30 e o venres 31 de xaneiro, o concerto “Únicas”, incluído na súa temporada de abono 2024-25, “Inconformistas”. O programa recompila obras de Fanny Mendelssohn, Anna Clyne e finaliza coa Sinfonía núm. 8 de Ludwig van Beethoven, o inconformista de maior presenza nesta temporada da RFG.

Na ocasión, os asistentes gozarán da Abertuda en Do, única obra orquestral asinada por Fanny Mendelssohn, cuxo recoñecemento como compositora aumentou considerablemente nos últimos anos. Deseguido, escoitarase a obra Dance for Cello and Orchestra, da compositora británica Anna Clyne, inspirada nun poema do escritor e místico persa do século XIII Rumi. O peche da noite quedará a cargo da Sinfonía núm. 8 de Beethoven, onde a viveza e escritura do seu último movemento preludia xa a xenialidade da Novena.

As entradas poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo)  a un prezo de 18€.

Por outra banda, as entradas para o concerto de Ferrol están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla desde os 17,60€.

Pre-concerto co alumnado da EAEM
Antes do espectáculo do xoves, en Santiago de Compostela, o alumnado do Curso de Especialización Orquestral (CAEO) da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) realizará unha actuación dentro da nova edición de A Escola na Cidade, un ciclo de concertos que fai parte da súa formación profesional.

O primeiro destes concertos de cámara celebrarase na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, ás 19:30 horas. Os estudantes interpretarán o Septeto en Mi bemol maior, Op.20, coñecido como Septimino, do compositor Ludwig van Beethoven. O espectáculo terá unha duración de aproximadamente 40 minutos.

Unha directora detallista
A directora francesa Chloé Van Soeterstède está a atraer a atención de orquestras de todo o mundo pola súa interpretación intuitiva, sensible e expresiva e pola súa presenza impoñente e positiva enriba do escenario.

Recibe eloxios en repetidas ocasións pola súa atención ao detalle, a súa enerxía e entusiasmo, e a súa eficiencia nos ensaios. Está a forxar excelentes relacións con orquestras de todo o mundo e nesta temporada 2024/25 converterase na directora invitada principal da Orquestra Sinfónica de Bournemouth.

Unha destacada violonchelista
Nadège Rochat é unha violonchelista destacada dentro da nova xeración de intérpretes. O seu interese musical non só abarca o repertorio clásico, senón que tamén se estende a compositores esquecidos, músicas do mundo e obras contemporáneas. O seu último traballo discográfico (novembro de 2021), gravado coa RSNO baixo a dirección de B. Levi, inclúe os concertos para violonchelo de A. Dvo?ák e A. Caplet, e recibiu eloxios da crítica.