A Real Filharmonía de Galicia presentou este martes no Museo do Pobo Galego ao que será o novo director titular e artístico da orquestra e da Escola de Altos Estudos Musicais a partir do mes de xaneiro, Baldur Brönnimann.
Acompañándoo na presentación estiveron o presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; a xerente do Consorcio, Belén Hernández, e a directora técnica da Real Filharmonía, Sabela García Fonte.
Brönnimann asegurou que para el supón un desafío ilusionante coller os mandos dunha orquestra con tanta historia. “Quería darvos as grazas pola benvida. Teño moita ilusión polo proxecto, xa que coñecín a orquestra traballando e sei como funciona”, comezou.
Referíndose á nova etapa, o novo director artístico enumerou os puntos sobre os que xirará o seu proxecto. O primeiro en destacar é que buscará manter a excelencia artística da orquestra, polo que comezou agradecendo a Paul Daniel o traballo dos últimos anos.
Deseguido, salientou a importancia do vencello entre o público e a Real Filharmonía, que se verá en cada detalle. “Iso implica a forma na que te presentas, os programas que fas, cando tocas, etc. O contacto coa sociedade para min é moi importante”, puntualizou.
“A orquestra é un servizo público e temos que chegar a toda a sociedade, facendo o esforzo en captar ese público que aínda non nos coñece ou non ten acceso á música clásica. Temos que fomentar profundamente ese diálogo coa cidadanía” declarou.
Por último, fixo fincapé na importancia da formación: “A Escola de Altos Estudos Musicais é un dos activos máis grandes desta orquestra. A formación é unha tarefa moi importante para unha institución como a Real Filharmonía e síntome moi afortunado de poder implicarme con isto”.
Confianza
Pola súa parte, o presidente do Consorcio de Santiago depositou a súa total confianza nel lembrando a historia da orquestra. “A Real Filharmonía tivo na súa historia catro directores, o que indica que non foi unha orquestra de grandes mudanzas. A elección de cada director respondeu ás necesidades de cada momento”.
Quixo tamén destacar un dos valores polos que se escolleu a Brönnimann. “O obxectivo é o de construír unha orquestra do século XXI. Ademais queremos que esta orquestra non sexa só dunha elite, senón que o conxunto da sociedade e da cidadanía vexa coma un reflexo da súa actividade cultural”, indicou.
Tradición e modernidade
A xerente do Consorcio, Belén Hernández, resaltou que Brönnimann é a peza que encaixa perfectamente na estratexia que se quere implementar a partir de agora.
Explicou ademais por que se escolleu o Museo do Pobo Galego para esta presentación: “Non podemos quedar ancorados no pasado e temos que ser conscientes da velocidade dos cambios que se producen arredor de nós e buscar as respostas axeitadas a ese reto. Por iso, o lugar escollido para a presentación non é casualidade. Foi unha petición persoal do director, que quería un sitio simbólico que representase a esencia e a tradición conxugada coa modernidade da cidade e de Galicia”.
Belén Hernández agradeceu o percorrido desenvolvido por Paul Daniel nos dez últimos anos. “Quero dar as grazas a Paul Daniel polo traballo que fixo con esta orquestra, a súa profesionalidade e a súa personalidade. Un mestre que sempre nos acompañará na súa traxectoria”, reseñou.
Unha nova estratexia
Centrada na estratexia que se levará a cabo a partir de agora falou a directora técnica da Real Filharmonía, Sabela García Fonte, quen destacou a renovación que se inicia nesta nova etapa que abrirá Brönnimann. “Estou convencida de que unha institución útil e sostible debe reinventarse cada certo tempo, escoitar o mundo e ver o que acontece ao seu redor, ser sensible aos cambios sociais e culturais e avanzar con eles”, resaltou.
Tamén avanzou García Fonte que Baldur Brönnimann incorpórase en xaneiro á orquestra e o seu primeiro concerto como director será en xuño.