A Real Filharmonía de Galicia ofrece este xoves, 15 de xuño, ás 20h, un concerto especial no que se producirá a estrea de Baldur Brönnimann como director titular e artístico da orquestra.
Brönnimann, que foi nomeado no seu novo cargo en xaneiro de 2023, ofrecerá un programa sorpresa no que irá explicando as claves da vindeira temporada, primeira deseñada por el, e que será presentada a vindeira semana.
Os abonados da última temporada da Real Filharmonía están convidados ao concerto, mentres que as entradas para público xeral están dispoñibles a un prezo de 5€. Os billetes de acceso poden mercarse nos despachos do Auditorio de Galicia, Zona C e Teatro Principal, así como tamén a través da web compostelacultura.gal.
Ademais, ao tratarse dunha ocasión especial, despois do evento, e da man de Galicia Calidade, ofrecerase un viño aos asistentes no que se buscará o diálogo entre a orquestra e as persoas que asistan.
Nova etapa
O mestre suízo abre unha nova etapa cuxos obxectivos xirarán arredor de varios eixos fundamentais: a implicación social, a excelencia artística e a renovación do repertorio, así como o compromiso formativo. Con Brönnimann chega á Real Filharmonía de Galicia unha dirección artística cun enfoque social comprometido e cunha sensibilidade determinante en temas como a formación ou a creación contemporánea.
Biografía
Nado en Suíza e residente en Madrid dende hai máis de 13 anos, Brönnimann formouse na Academia de Música da Cidade de Basilea e no Royal Northern College of Music de Manchester, onde posteriormente foi nomeado titor visitante de dirección.
Ata este mes de xuño lidera a Sinfonietta de Basilea, onde dirixiu programas que combinan obras contemporáneas co repertorio estándar, nunha procura constante para desafiar as convencións clásicas e explorar novas vías para a interpretación orquestral.
En 2020 concluíu o seu exitoso mandato de seis anos como director principal da Orquestra Sinfónica do Porto Casa da Música, á que segue regresando cada temporada. Entre 2011-2015 foi director artístico do principal conxunto de música contemporánea de Noruega, BIT20, e entre 2008-2012 foi director musical da Orquestra Sinfónica Nacional de Colombia en Bogotá.