Baldur Brönnimann e Amandine Beyer dirixen o vindeiro concerto do ciclo (EN)FOCO da Real Filharmonía de Galicia con obras barrocas e contemporáneas

Trátase dun espectáculo comentado cuxo formato busca facilitar a comprensión das composicións a través de breves explicacións das obras

O director titular e artístico da RFG, Baldur Brönnimann, xunto á artista en residencia Amandine Beyer, intercalarán a dirección, que tamén contará coa actuación do percusionista Juanjo Guillem

O concerto terá lugar o xoves 15 de maio en Vigo e o venres 16 de maio en Santiago, onde haberá unha opción de entrada con petisco e bebida (18€) na cafetería Lasso

A Real Filharmonía de Galicia presenta esta semana o segundo concerto do seu ciclo (EN)FOCO. Na ocasión, os espectadores terán a oportunidade de escoitar as obras Curtain Tune on a Ground de Henry Purcell; Speaking Drums de Peter Eötvös; King Arthur (Suite) de Henry Purcell e a Suite para orquestra núm. 3 en Re maior de Johann Sebastian Bach.

Co fin de facilitar a comprensión das composicións, o espectáculo contará con breves intervencións e comentarios dos directores Baldur Brönnimann e Amandine Beyer. Na ocasión o percusionista Juanjo Guillem actuará como solista.

O público poderá gozar deste programa en dúas ocasións: a primeira delas no Centro Cultural Afundación de Vigo, o día 15 de maio, ás 20:00h. As entradas están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla desde os 13,30€.

Por outra banda, para a actuación de Santiago, o venres 16 de maio ás 20:30h, as persoas interesadas deberán mercar as súas entradas no despacho de billetes da Zona C ou na web de Compostela Cultura a un prezo de 10€. Cómpre indicar que haberá outra modalidade de acceso para este ciclo, onde o público poderá adquirir unha entrada con petisco e bebida (18€) e aproveitar un espazo posconcerto na cafetería Lasso, localizada no propio Auditorio de Galicia.