Baldur Brönnimann dirixirá a Real Filharmonía no concerto das Festas do Apóstolo

O recital será este venres 28 ás 21h na Praza da Quintana e nel actuará o recoñecido tenor italoarxentino Santiago Ballerini interpretará obras de ópera

A Real Filharmonía de Galicia ofrece este venres, 28 de xullo, ás 21h na Praza da Quintana, o seu tradicional concerto incluído na programación das Festas do Apóstolo de Santiago de Compostela. O acceso do público será libre ata completar cabida.

Nesta ocasión será o mestre Baldur Brönnimann, director titular e artístico da Real Filharmonía, quen leve a batuta da orquestra. Ademais, tamén interpretará o tenor italoarxentino Santiago Ballerini.

A Filharmonía ofrecerá un diverso programa con obras de sobra coñecidas polo público así como outras que sorprenderán.

Os asistentes poderán escoitar a Abertura de Euryanthe de Carl María von Weber, o Intermezzo de Cavalleria rusticana de Pietro Mascagni, o Rigoletto: La donna é mobile de Giuseppe Verdi, a romanza Una furtiva lacrima da ópera L’elisir d’amore de Gaetano Donizetti, o Preludio de La Revoltosa de Ruperto Chapí, a romanza No puede ser da zarzuela La tabernera del puerto de Pablo Sorozábal, Acuarela de Adolfo Mejía, o Danzón núm. 2 de Arturo Márquez e o Nessun Dorma, da ópera Turandot, de Giaccomo Puccini.

Recoñecido tenor
Acompañando a orquestra actuará o tenor Santiago Ballerini, recoñecido como un dos principais tenores do repertorio Bel Canto, e que actuou en moitos dos principais teatros de ópera de América do Norte e do Sur, desde a Ópera Nacional de Chile, o Teatro Colón de Bos Aires, a Canadian Opera Company, o Bellas Artes de Cidade de Mexico, a Ópera de Dallas así como con orquestras internacionais e teatros de ópera en Europa como o Teatro Regio Torino, a Ópera Nacional de Bordeos, o Teatro Real, o Gran Teatre del Liceu e moitos máis.