Baldur Brönnimann dirixe á Real Filharmonía de Galicia xunto á pianista Mirabelle Kajenjeri

O director titular e artístico da RFG compartirá escenario coa pianista Mirabelle Kajenjeri, que substitúe ao artista Vadym Kholodenko por motivos de saúde

As actuacións terán lugar os días 19 e 20 de febreiro, en Vigo e Santiago, respectivamente

A Real Filharmonía de Galicia ofrece este mércores 19, no Centro Cultural Afundación en Vigo, e o xoves 20, no Auditorio de Galicia de Santiago, un programa que leva por título ‘Rompendo moldes’. O primeiro deles será ás 20:00h na cidade olívica mentres que o segundo, en Compostela, terá lugar ás 20:30h. Ademais, na ocasión, o público tamén terá a oportunidade de escoitar as impresións e intercambiar ideas co director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, Baldur Brönnimann. Esta nova cita do ciclo “Conversando con…” será na Sala Mozart ás 19:45h.

Nesta ocasión, a Real Filharmonía de Galicia segue a súa liña de programación ao buscar mesturar obras recoñecidas, como é o caso de Prélude à l’après-midi d’un faune, de Claude Debussy, ou mesmo o Concerto para piano núm. 2 en La maior, S. 125 deFranz Liszt con outras menos coñecidas, como é o caso da Sinfonía núm. 5 en Mi maior, op. 77 “Lenore”, do compositor Joachim Raff, quen foi asistente de Liszt.

Trátase dun concerto que inclúe tres xéneros orquestrais –poema sinfónico, concerto e sinfonía– que supoñen neste caso unha ruptura cos moldes establecidos polas conexións coa literatura, a ruptura coas expectativas harmónicas e coas estruturas tradicionais, ou a pescuda de novas cores orquestrais.

Unha nova pianista
Nacida en 1998 de pais burundianos e ucraínos, Mirabelle Kajenjeri tivo o seu talento recoñecido e premiado en numerosos concursos internacionais; entre eles, recibiu primeiro premio do Concurso Internacional de Piano Santa Cecilia (2021), o segundo premio do Kissinger KlavierOlymp (2023), foi semifinalista do Concurso de Mestres de Piano Arthur Rubinstein (2023) e do Concurso Internacional de Piano de Cleveland (2024).

Actúa regularmente en Europa, no marco de festivais de sona como Flagey Piano Days, Kissinger Sommer, Lille Piano Festival, ou Piano Campus Festival e colabora asiduamente con orquestras como a Orchestre de Picardie, Orchestra Filarmonica Pugliese, Brandenburgische Staatsorchester Frankfurt e a Orquestra Filarmónica Portuguesa.

Entradas á venda
O público poderá gozar deste programa en dúas ocasións: a primeira delas no Centro Cultural Afundación, o día 19 de febreiro, ás 20:00h. As entradas están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla desde os 13,30€. Por outra banda, as entradas para o concerto de Santiago, o día 20 de febreiro no Auditorio de Galicia (20:30h), poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 18€