Amandine Beyer volve dirixir á Real Filharmonía de Galicia

O concerto terá lugar este xoves 13 no Auditorio de Galicia de Santiago e repetirase o venres 14 no Círculo das Artes en Lugo

Neste programa interpretaranse obras de Marianne von Martinez, Maddalena Lombardini e František Xaver Richter

Baixo o título “Marianne e Maddalena”, o programa desta semana da Real Filharmonía de Galicia será dirixido pola violinista Amandine Beyer, artista en residencia da actual temporada da RFG, Inconformistas.

O xoves 13 en Santiago e o venres 14 en Lugo, a RFG interpretará obras de Marianne von Martinez (Sinfonía en Do maior); Maddalena Lombardini (Concerto para violín núm. 3 en La maior, op. 3) e tamén František Xaver Richter (Sinfonía con fuga en Sol menor, op. 7). A actuación no Auditorio de  Galicia de Santiago de Compostela do xoves será ás 20:30h mentres que, en Lugo, o concerto terá lugar ás 20:00h no Círculo das Artes.

Cómpre indicar que, antes do espectáculo de Santiago, haberá unha actuación especial da directora xunto aos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais. O pre-concerto será na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, ás 19:30h e nel serán interpretadas obras de Telemann, Vilvaldi, Torelli e Dall’Abaco.

Directora e violín
A directora e violinista Amandine Beyer ofreceu concertos en todo o mundo, tocando en prestixiosas salas como a Philharmonie de París, o Carnegie Hall de Nova York, o Wigmore Hall de Londres, Bozar en Bruxelas, o Oji Hall de Toquio… e foi convidada regularmente como solista e directora por conxuntos como Freiburger Barock Orchester, Akademie für Alte Musik, Arion Orchestra de Montreal, European Union Baroque Orchestra, Tafelmusik Baroque Orchestra de Toronto, Les Siècles, Ensemble 415 de Chiara Banchini, ou a Finnish Baroque Orchestra, entre outras.

Ademais, Beyer é unha apaixonada da ensinanza e a transmisión, polo que creou en 2017 unha academia de música de cámara e traballo corporal con Gli Incogniti. Tamén é convidada regularmente para impartir clases maxistrais por todo o mundo.

Entradas á venda
As entradas para o concerto de Santiago poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo)  a un prezo de 18€.

Por outra banda, as entradas para o concerto de Lugo están dispoñibles nas oficinas do Círculo das Artes ou mesmo a través do correo electrónico filarmonicadelugo@gmail.com desde os 20€ para persoas non socias.