A Real Filharmonía de Galicia regresa este xoves 13 ao escenario da súa sede no Auditorio de Galicia e o venres 14 ao do Círculo das Artes de Lugo despois de ter protagonizado unha actuación única xunto co Coro Easo na Semana da Música Relixiosa de Cuenca.
Amandine Beyer, recoñecida como unha referencia na interpretación do barroco e o clásico para violín, será a directora-concertino deste dobre concerto.
O programa estará composto por catro sinfonías definidas como “tesouros musicais”, o cal precisamente é o título do concerto. Dúas destas obras son de Carl Philipp Emanuel Bach, a Sinfonía en Sol maior, Wq. 183/4 e a Sinfonía en Re maior, Wq. 183/1. Ademais, a Filharmonía tamén interpretará a Sinfonía en Fa maior, S. 209 de Johann David Heinichen e a Sinfónia nº 47 en Sol maior “Palíndroma” de Franz Joseph Haydn.
A actuación no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela do xoves será ás 20:30h mentres que a do Círculo das Artes de Lugo do venres será ás 20h.
Directora e concertino
A directora e violinista Amandine Beyer será quen leve a batuta da Real Filharmonía esta semana. Unha intérprete que ofreceu concertos en todo o mundo, tocando en prestixiosas salas como a Philharmonie de París, o Carnegie Hall de Nova York, o Wigmore Hall de Londres, Bozar en Bruxelas, o Oji Hall de Toquio… e foi convidada regularmente como solista e directora por conxuntos como Freiburger Barock Orchester, Akademie Fu?r Alte Musik, Arion Orchestra de Montreal, European Union Baroque Orchestra, Tafelmusik Baroque Orchestra de Toronto, Les Siècles, Ensemble 415 de Chiara Banchini, ou a Finnish Baroque Orchestra, entre outras.
Ademais, Beyer é unha apaixonada da ensinanza e a transmisión, polo que creou en 2017 unha academia de música de cámara e traballo corporal con Gli Incogniti. Tamén é convidada regularmente para impartir clases maxistrais por todo o mundo.
Entradas á venda
Para o recital deste xoves no Auditorio de Galicia os billetes están á venda a un prezo de 15€ a través da web de Compostela Cultura e nos despachos habituais. No caso do concerto na cidade da Muralla a venda de entradas realízase nas oficinas do Círculo das Artes a través da Sociedade Filharmónica de Lugo.