Amandine Beyer dirixe á Real Filharmonía de Galicia no seu primeiro concerto como artista en residencia

O dobre concerto terá lugar este xoves 28 no Auditorio de Galicia de Santiago e o venres 29 no Teatro Principal en Ourense

Esta semana, Amandine Beyer, recoñecida como unha referencia na interpretación do barroco e o clásico para violín, será a directora-concertino do espectáculo “Os Elementos”. Como artista en residencia da actual temporada da Real Filharmonía de Galicia, esta será a primeira dun total de tres actuacións xunto á orquestra santiaguesa.

Na ocasión, o programa estará composto por obras de Jean-Féry Rebel (Les Eléments); Elisabeth Jacques de la Guerre (Céphale et Porcis – suite); Jean Marie Leclair (Scylla et Glaucus – suite) e tamén Jean Philippe Rameau (Zoroaste  e Les Fétes d´Hébé – suites).

A actuación no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela do xoves será ás 20:30h e antes do concerto o público poderá achegarse á Sala Mozart para intercambiar ideas coa directora nunha nova cita do “Conversando con…”, ás 19:45h. Mentres tanto, en Ourense, o espectáculo será ás 20:00 h no Teatro Principal.

Directora e concertino
A directora e violinista Amandine Beyer ofreceu concertos en todo o mundo, tocando en prestixiosas salas como a Philharmonie de París, o Carnegie Hall de Nova York, o Wigmore Hall de Londres, Bozar en Bruxelas, o Oji Hall de Toquio… e foi convidada regularmente como solista e directora por conxuntos como Freiburger Barock Orchester, Akademie für Alte Musik, Arion Orchestra de Montreal, European Union Baroque Orchestra, Tafelmusik Baroque Orchestra de Toronto, Les Siècles, Ensemble 415 de Chiara Banchini, ou a Finnish Baroque Orchestra, entre outras.

Ademais, Beyer é unha apaixonada da ensinanza e a transmisión, polo que creou en 2017 unha academia de música de cámara e traballo corporal con Gli Incogniti. Tamén é convidada regularmente para impartir clases maxistrais por todo o mundo.

Entradas á venda
Serán dúas as ocasións nas que o público poderá gozar deste espectáculo: a primeira delas no Auditorio de Galicia, o día 28 de novembro, ás 20:30 h. As entradas poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo)  a un prezo de 18€.

Por outra banda, as entradas para o concerto de Ourense, o día 29 de novembro no Teatro Principal (20:00 h) están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla desde os 12€.