Alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral actúan coa Real Filharmonía de Galicia nun concerto no Auditorio de Galicia

Nel participarán como solistas sete músicos con obras escollidas por eles

A Real Filharmonía de Galicia ofrece este xoves no Auditorio de Galicia de Santiago un concerto extraordinario con alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais, adscrita á propia orquestra.

Neste recital, sete alumnos do CAEO interpretarán, como solistas, obras da súa elección. Será baixo a dirección do director asociado da Real Filharmonía, Maximino Zumalave. A entrada será libre e comezará ás 20:30h.

Os sete músicos que actuarán como solistas serán o cellista Robrecht de Roeck, os violinistas Daniel Rodríguez, Celia Montañez e Ramón Rodríguez-Peña, o frautista Carlos Cascales, a fagotista Belén Carril e o clarinetista Miguel Peñarroja. As pezas escollidas son dos compositores J. Haydn, W. A. Mozart, J. S. Svendsen, G. Fauré, C. Saint-Saëns e C. M. v. Weber.

Ademais, os estudantes do Curso Avanzado ofrecen durante esta semana os seus últimos concertos de cámara no Paraninfo da USC. Estes recitais, que comezan cada día ás 19:30h, ofrécense como colofón aos seus estudos e teñen entrada libre.