A Real Filharmonía de Galicia arranca o día 3 de outubro a súa temporada ‘Inconformistas’ e faino incorporando novas modalidades de abono. Os dous novos abonos flexibles, Flexible 10 e Flexible 5, ofrecen ao público a posibilidade de facerse con entradas para os concertos da programación a un prezo máis reducido. Así, o bono Flexible 10, cun prezo de 125 euros, poderá ser canxeado por 10 entradas para calquera dos concertos que a orquestra ofrece en Compostela ao abeiro do programa de abono, sempre que existan localidades dispoñibles. Ao tempo, o bono Flexible 5, cun prezo de 62,50 euros, poderá ser canxeado por entradas para 5 concertos do programa de abono que conten, igualmente, con localidades dispoñibles.
A diferencia doutras modalidades de abono da RFG, estes bonos non son unipersoais, polo que permiten adquirir a un prezo menor varias entradas para un mesmo concerto. Están xa dispoñibles a través da web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (rúa do Preguntoiro, 1), aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas.
As entradas individuais para os diferentes concertos que a Real Filharmonía ofrecerá na cidade ao longo dos próximos meses tamén poden ser adquiridas dende este luns cos descontos habituais para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas. Dispoñibles xa en compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C , estarán tamén á venda no Auditorio de Galicia o día de cada concerto dende unha hora antes do seu inicio.