O programa traerá obras de Carl Philipp Emanuel Bach, Sinfonía en Mi menor; Franz Josep Haydn, Concerto para clavecín en Re maior e Concerto para violín e clave; ademais da Sinfonía en Do menor de Luigi Boccherini.
Na ocasión, os espectadores terán a oportunidade de prestixiar a Amandine Beyer, artista en residencia desta temporada, quen actuará como violinista e directora, e que estará acompañada polo clavecinista Diego Ares.
A cita terá lugar o xoves día 16 no Auditorio de Galicia en Santiago e tamén o venres, día 17, no Teatro Principal en Ourense. Cómpre indicar que, ás 19:45h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, terá lugar o ciclo ‘Conversando con…’, onde os espectadores poderán escoitar aos protagonistas do espectáculo, que dialogarán co público santiagués para dar a coñecer o seu punto de vista e responder as súas posibles preguntas.
No marco da celebración do seu 30º aniversario, a actual programación da RFG aposta polo talento galego, a creación contemporánea e pola proxección da orquestra cara ao futuro. Neste eido, ao longo dos próximos 22 programas que constitúen a súa nova temporada, a Real Filharmonía de Galicia destacará o talento de solistas galegos, como é o caso dun dos protagonistas desta semana, Diego Ares (referente internacional do clave); Raquel Areal, violinista da Filarmónica de Berlín; Andrea Rey, mezzosoprano; Esteban Batallán, trompeta principal da Orquestra Sinfónica de Chicago e tamén Silvia Rozas, frauta solista da Ópera de Hamburgo.
Trátase dunha oportunidade única de asistir a un concerto que combina a excelencia interpretativa co sentido narrativo que caracteriza a temporada “Historias”.
O talento de Amandine Beyer
No marco desta residencia artística na RFG, Beyer non só asume o papel de concertino e directora, senón que actúa como fío simbólico desta temporada, “Historias”, conectando tradición e presente, memoria musical e narración contemporánea.
A directora e violinista Amandine Beyer ofreceu concertos en todo o mundo, tocando en prestixiosas salas como a Philharmonie de París, o Carnegie Hall de Nova York, o Wigmore Hall de Londres, Bozar en Bruxelas, o Oji Hall de Toquio… e foi convidada regularmente como solista e directora por conxuntos como Freiburger Barock Orchester, Akademie für Alte Musik, Arion Orchestra de Montreal, European Union Baroque Orchestra, Tafelmusik Baroque Orchestra de Toronto, Les Siècles, Ensemble 415 de Chiara Banchini, ou a Finnish Baroque Orchestra, entre outras.
Ademais, Beyer é unha apaixonada da ensinanza e a transmisión, polo que creou en 2017 unha academia de música de cámara e traballo corporal con Gli Incogniti. Tamén é convidada regularmente para impartir clases maxistrais por todo o mundo.
Un clavecinista galego
Nado en Vigo en 1983, Diego Ares é un músico galego de proxección internacional. Iniciou estudos pianísticos antes de dedicarse ao clave, formación que continuou con mestres como Pilar Cancio, Richard Egarr, Jörg-Andreas Bötticher, Genoveva Gálvez e Carmen Schibli.
Ofreceu recitais como solista no Festival de Piano de La Roque d’Anthéron, na Abadía de Royaumont, na Quincena Musical Donostiarra, no Festival Iturbi, no Festival Internacional de Santander, no Festival de Música e Danza de Granada, no Festival de Música Antiga de Utrecht, no Bach Festival de Toquio, no Festival de Davos, en Musiq’3 (Bruxelas), no Festival de Música de Cámara de Oslo, entre outros.
Esta é a primeira vez que tocará xunto a unha orquestra galega.
Entradas á venda
As entradas para o concerto de Santiago (20:30 h) poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 18€.
Para o concerto de Ourense, o día 17 de outubro no Teatro Principal (20:00 h), as entradas están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla desde os 12,00€.


