A Real Filharmonía de Galicia presenta esta semana un programa que combina creación contemporánea e un dos clásicos do repertorio sinfónico. O concerto, dirixido pola mestra convidada Ruth Reinhardt, inclúe dúas estreas destacadas: por unha banda, a estrea absoluta de Envol, peza encargada á compositora Núria Giménez-Comas no marco do proxecto “Cometas”, co que a orquestra celebra o seu 30 aniversario; e, por outra, a estrea en España de Idyllium. do compositor alemán Detlev Glanert.
O concerto complétase con Elexía para Brahms, de Hubert Parry, e a Serenata nº 2 de Johannes Brahms, que pecha o programa cunha das súas partituras máis luminosas e singulares.
Este programa preséntase en dúas ocasións durante esta semana. A primeira delas terá lugar en Santiago de Compostela o xoves 6 de novembro. Será no Auditorio de Galicia, ás 20:30 h. Cómpre indicar que o concerto será precedido por unha nova cita do ciclo “Conversando con…” onde o público terá a ocasión de intercambiar ideas e escoitar as impresións da directora convidada e da compositora Núria Giménez-Comas sobre o programa (Sala Mozart, 19:45 h).
O venres 7 de novembro será a vez do público de Pontevedra prestixiar a actuación da orquestra compostelá no Centro Cultural Afundación, tamén ás 20:30 h.
Ruth Reinhardt, dirección fresca e audaz
A directora alemá Ruth Reinhardt é unha das novas figuras da dirección orquestral europea. Formada en Zúric e na prestixiosa Juilliard School de Nova York, colaborou con orquestras como a Dallas Symphony, Seattle Symphony, Royal Philharmonic Orchestra ou a Orquestra Gulbenkian. O seu repertorio abrangue desde o clásico ata o contemporáneo, cunha especial sensibilidade coa creación actual.
Nesta temporada asume unha presenza destacada no panorama orquestral europeo e americano.
Entradas á venda
As entradas para o concerto deste xoves 6 en Santiago (20:30 h) poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 15€.
Para o concerto de Pontevedra, o día 7 de novembro no Centro Cultural Afundación (20:30 h), as entradas están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla desde os 14,60€.


