A Real Filharmonía estrea Tra l’acqua salata, do compositor Xavier de Paz, nun concerto dirixido por Maximino Zumalave

Jaime Naya será o solista ao violín no terceiro programa da orquestra nesta temporada

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá o vindeiro xoves 3 de novembro ás 20.30h no Auditorio de Galicia de Santiago e o sábado 5 ás 20h no Teatro Principal de Ourense o seu terceiro concerto da temporada ‘Escoitar o Mundo’ que levará por título ‘Auga Salgada’. Este programa estará dirixido polo director asociado Maximino Zumalave e como violinista solista actuará Jaime Naya.

Nesta ocasión, a velada comezará cunha estrea absoluta, a da obra Tra l’aqua salata do compositor galego Xavier de Paz. Chaikovsky será o segundo compositor interpretado na noite co seu Concerto para violín en Re maior con Jaime Naya como solista. Por último, Beethoven porá o broche de ouro á noite coa súa segunda sinfonía.

Xavier de Paz
A novidade neste concerto estará na estrea absoluta dunha nova obra de Xavier de Paz, quen é membro fundador da Asociación Galega de Compositores. Esta obra está dedicada á memoria do tamén compositor Xan Viaño.

Xavier de Paz é un experimentado compositor que comezou os seus estudos musicais no Conservatorio Superior de Música da Coruña, continuándoos en Santiago e Madrid. Estudou tamén composición e posteriormente un Mestrado en Composición, Cursos de Música Electrónica e Composición por Ordenador pola University of Hartford nos EUA. As súas composicións téñense escoitado en concerto en España, Alemaña, Francia, Italia, Portugal e os Estados Unidos.

Jaime Naya
Coa Real Filharmonía de Galicia estrearase neste programa Jaime Naya, quen estará dirixido por Maximino Zumalave, director asociado da orquestra. Naya, nado no ano 2000, iniciou os seus estudos musicais aos cinco anos na Escola de Alto Rendemento Fatkulin Academy. Actualmente cursa os seus estudos no Centro Superior de Música Katarina Gurska, sendo bolseiro nos cinco últimos anos tras obter en todos eles o primeiro premio no Concurso ao Talento Musical da Fundación Katarina Gurska. Desde os 10 anos cultivou numerosos premios dentro e fóra do noso país, entre os que destaca o primeiro premio Leonid Kogan International Competition for Young Violinists 2020 ou o primeiro premio no Concurso ao Talento Musical da Fundación Katarina Gurska.

Entradas á venda
Para o concerto do xoves no Auditorio de Galicia as entradas están dispoñibles a través da web compostelacultura.com a un prezo de 18€ e para o concerto do sábado no Teatro Principal de Ourense pódense mercar a través da web ataquilla.com a un prezo de 10€.