A Real Filharmonía de Galicia participará, unha vez máis, no ciclo de música Ópticas Contemporáneas da Cidade da Cultura. O concerto será o vindeiro sábado, 16 de novembro, ás 20h e nel o público escoitará a versión do compositor Max Ritcher para As Catro Estacións de Vivaldi.
Diante da orquestra estará o mestre titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, Baldur Brönnimann, acompañado polo violinista James Dalghren e tamén polo concertino convidado, Álvaro Pereira. Esta iniciativa enmárcase dentro da proposta institucional da RFG, que busca achegar a música clásica aos máis variados espazos culturais e expandir os seus horizontes máis alá do Auditorio de Galicia.
De feito, as entradas esgotáronse poucos días antes da actuación, así que, debido á alta demanda de público, ao longo da mañá do xoves dispúxose dunha nova ligazón para a compra de ingresos: dispoñible tanto na web da Real Filharmonía, como na páxina da Cidade da Cultura e tamén a través da plataforma Ataquilla (desde 9,72€).
Na ocasión, os asistentes poderán escoitar a expresión do inconformismo do compositor e pianista alemán Max Richter, quen fixo unha revisión especial da coñecida As Catro Estacións, de Vivaldi, na busca de imprimir ousadía e provocación á súa versión, converténdoa nun éxito de crítica e público.
Igualmente, a disposición da sala convidará os espectadores a vivir distintas sensacións: servizo de bar, diferentes condicións luminosas e asentos próximos ao chan emularán un ambiente descontraído co fin de proporcionar unha experiencia diferente á vivida normalmente dentro dun auditorio.