A Real Filharmonía de Galicia presenta esta semana o programa “Orixes”, o penúltimo concerto da temporada “Historias”, baixo a dirección da violinista Amandine Beyer, artista residente. O programa poderá escoitarse o xoves 28 de maio ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia e o venres 29 de maio ás 20:00 horas no Círculo das Artes.
A proposta musical desta semana afonda nas raíces dalgúns dos xéneros máis importantes da música occidental, cun percorrido que transita entre o Barroco e os primeiros pasos do Clasicismo europeo. O concerto tamén revisita un momento decisivo da historia musical: o nacemento dos concertos públicos no século XVIII, especialmente na escena inglesa, arredor da que xira boa parte do repertorio escollido.
Händel, Abel e Johann Christian Bach: unha viaxe ás orixes da música orquestral
O programa ábrese coa Suite núm. 1 en Fa maior ´Música Acuática´ de Georg Friedrich Händel, unha das obras máis coñecidas do compositor. Escrita en 1717 para acompañar unha travesía fluvial do rei George I polo río Támesis, a partitura converteuse nun símbolo da música festiva e cortesá da época. A suite reúne unha sucesión de danzas de inspiración francesa e popular que exemplifican a riqueza e o cosmopolitismo do estilo de Händel.
A continuación, a Real Filharmonía interpretará a Sinfonía núm. 4 en Do maior de Carl Friedrich Abel, unha obra pertencente ás últimas creacións orquestrais do autor alemán. Considerado un dos grandes virtuosos da viola da gamba no século XVIII, Abel desenvolveu boa parte da súa carreira en Londres, onde impulsou xunto a Johann Christian Bach os célebres concertos “Bach-Abel”, fundamentais para a consolidación dos concertos públicos en Europa. A súa Sinfonía núm. 4 mostra xa a transición cara a unha nova linguaxe musical máis equilibrada e luminosa, propia do primeiro Clasicismo.
O concerto complétase coa Abertura e Suite de Amadis de Gaula de Johann Christian Bach, unha obra cun significado especialmente simbólico para a Real Filharmonía de Galicia no ano no que a formación celebra o seu 30º aniversario. Esta obra foi interpretada no concerto inaugural da orquestra e regresa agora ao repertorio da RFG nun programa titulado “Orixes”, unha referencia tanto ás raíces da música orquestral europea como aos propios comezos da formación compostelá.
Este regreso ás primeiras partituras da Real Filharmonía busca reivindicar unha identidade construída a partir do diálogo entre épocas, estilos e tradicións musicais. A recuperación desta obra de Johann Christian Bach conecta o presente da orquestra coa súa historia e coa memoria compartida dunha parte dos músicos da formación que participaron naqueles primeiros concertos e que aínda lembran con especial agarimo esta partitura.
Así, “Orixes” convértese tamén nunha mirada consciente cara ao camiño percorrido pola RFG ao longo destas tres décadas, mantendo vivo o vínculo entre pasado e presente que define a súa traxectoria artística.
Entradas á venda
O público poderá gozar deste programa en dúas ocasións: a primeira delas no Auditorio de Galicia, o día 28 de maio, ás 20:30 h. As entradas poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 15€.
Por outra banda, as entradas para o concerto de Lugo, o día 29 de maio no Círculo das Artes (20:00 h), están dispoñibles nas oficinas do Círculo das Artes ou mesmo a través do correo electrónico filarmonicadelugo@gmail.com desde os 20€ para persoas non socias.


