A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana a final da selección dun novo director asistente para a anualidade 2026/2027, un proxecto co que a orquestra contribúe á formación práctica de novas direccións orquestrais, ofrecendo unha experiencia real de traballo cunha orquestra profesional ao longo de todo o ano. A iniciativa forma parte do compromiso da RFG coa educación musical e co futuro do sector, facilitando o camiño a novas xeracións de artistas.
Das oito persoas previamente seleccionadas, catro pasaron á final e están practicando esta semana xunto á RFG: César Ramos, Javier Huerta Gimeno, Leonard David Wacker e Stefano Boccacci. O obradoiro está dirixido polo director titular e artístico da RFG, Baldur Brönnimann.
O programa do concerto inclúe obras de Ludwig van Beethoven — coas Abertura Coriolano e tamén a Sinfonía núm. 1 e—, a composición Concerto romanés de György Ligeti e a estrea absoluta da obra encarga da RFG a Joan Magrané, Andante tranquillo, desenvolvida no marco do Proxecto Cometas para conmemorar o 30 aniversario da orquestra. A Sinfonía núm. 1 de Ludwig van Beethoven, coñecida polo seu tratamento innovador e audaz do xénero, e o Concerto romanés de Ligeti permitirán aos aspirantes explorar novas formas de expresión orquestral e capturar a forza do folclore romanés auténtico.
Os ensaios son abertos ao público: o mércores 10 de decembro de 10:00 a 14:00 h e o xoves 11 de decembro a partir das 10:00 h (ensaio xeral). O concerto final terá lugar o xoves 11 ás 20:30 h no Auditorio de Galicia, despois do cal se comunicará o nome da persoa seleccionada como novo/a director/a asistente da RFG.
Antes do concerto final, ás 19:45h, o público terá a oportunidade de escoitar aos catro finalistas, e tamén ao compositor Joan Magrané, nunha nova sesión do ciclo “Conversando con…”, unha iniciativa da RFG para coñecer de preto aos protagonistas das actuacións.
Cómpre indicar que o posto de director asistente estivo ocupado nos últimos dous anos por Sebastian Zinca, quen aproveitou esta oportunidade para crecer profesionalmente aprendendo xunto á orquestra e adquirindo experiencia en dirección orquestral nun contexto real.
A Selección de director/a asistente reafirma así o compromiso da RFG coa formación e o impulso de artistas emerxentes, proporcionando unha plataforma única de aprendizaxe e desenvolvemento profesional no ámbito da dirección orquestral.
Entradas á venda
As entradas para o concerto deste xoves 11 en Santiago (20:30 h) poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 15€.


