A Real Filharmonía de Galicia achega un ano máis a música clásica aos barrios de Santiago de Compostela con catro concertos gratuítos que permitirán ao público gozar da música da Orquestra en espazos próximos e non convencionais. Do 16 ao 19 de setembro, a RFG percorrerá diferentes puntos da cidade para presentar unha selección do repertorio que forma parte da súa actividade nesta nova tempada. Nesta ocasión, será o seu director asistente, César Ramos, quen estará á fronte da RFG.
A proposta busca facilitar o encontro entre a orquestra e a cidadanía, levando a música clásica a diferentes barrios composteláns e ofrecendo concertos nun formato próximo e accesible. As actuacións serán de balde, con entrada libre ata completar a capacidade dos espazos, e comezarán ás 20:00 horas.
Nesta ocasión, os concertos terán lugar nos seguintes espazos:
- 16 de setembro | Casa das Máquinas – Galeras
- 17 de setembro | Igrexa de Santa María da Mercé de Conxo
- 18 de setembro | Centro Comercial Área Central – Fontiñas
- 19 de setembro | Igrexa de Santo Agostiño
Un repertorio con grandes nomes da música clásica
O público poderá escoitar unha selección de obras de cinco grandes compositores e compositoras da historia da música.
O programa abrirase coa Abertura d’O barbeiro de Sevilla, de Gioachino Rossini, unha das páxinas máis coñecidas do repertorio operístico. A continuación, interpretaranse a Abertura en Do maior, de Fanny Hensel-Mendelssohn, compositora alemá do Romanticismo, e o primeiro movemento da Sinfonía nº 1 en Do maior de Georges Bizet.
A programación completarase co segundo movemento da Sinfonía nº 94 en Sol maior (A sorpresa) de Franz Joseph Haydn, e coa Sinfonía nº 41 en Do maior (Xúpiter), de Wolfgang Amadeus Mozart, considerada unha das grandes obras sinfónicas do compositor austríaco.
A través deste repertorio, a Real Filharmonía de Galicia propón un percorrido por diferentes épocas e estilos, combinando algunhas das páxinas máis populares da música clásica con obras que permiten descubrir figuras menos presentes nos programas tradicionais, como Fanny Hensel-Mendelssohn.
Diferentes opcións para gozar da nova tempada
A nova tempada da Real Filharmonía de Galicia ofrece diferentes modalidades para achegarse á programación da orquestra no Auditorio de Galicia. A venda dos abonos xerais, que permiten asistir aos concertos de toda a tempada, estará aberta do 15 ao 17 de setembro. O público poderá escoller entre tres formatos: o Abono A, con 24 concertos de outubro a xuño; o Abono B, con 13 concertos de outubro a xaneiro; e o Abono C, con 13 concertos de febreiro a xuño. Existen ademais descontos para diferentes colectivos.
Desde o 15 de setembro tamén está á venda o abono do ciclo (EN)FOCO XACOBEO, que reúne catro concertos e propostas que exploran o diálogo da música sinfónica con outras linguaxes artísticas. Pola súa banda, os abonos flexibles, que permiten escoller cinco ou dez concertos da tempada, estarán dispoñibles desde o 22 de setembro, ao igual que as entradas individuais.
Os diferentes formatos de abono poden adquirirse, segundo a modalidade, no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural e no Auditorio de Galicia, de 10 a 14 horas; ou a través do teléfono do Auditorio, 981 571 026, no mesmo horario, así como a través da web de Compostela Cultura no caso dos abonos flexibles e das entradas individuais. O abono (EN)FOCO XACOBEO estará dispoñible unicamente de maneira presencial na Zona C.


