A Real Filharmonía de Galicia regresa á igrexa de Santo Agostiño cun concerto de entrada libre

César Ramos, o actual director asistente da RFG, estará á fronte da orquestra compostelá nun programa con obras de Beethoven, Wagner e Jessie Montgomery

O concerto será o venres 17 de xullo, ás 20.00 horas, con entrada libre e de balde ata completar a capacidade do espazo

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá este venres, 17 de xullo, ás 20.00 horas, un concerto na igrexa de Santo Agostiño, unha das citas xa consolidadas da súa programación estival e unha oportunidade para achegar a música clásica a todos os públicos nun espazo de gran valor patrimonial e cunha acústica única.

Nesta ocasión, a batuta estará nas mans de César Ramos, novo director asistente da Real Filharmonía de Galicia para a tempada 2026-2027. Director cubano afincado en Europa, Ramos foi recoñecido recentemente co Rudis Martinus van Dijk Conductor’s Prize 2025 e co Orchestra Award 2025 da Bodensee Philharmonie Konstanz, ademais de desenvolver unha destacada traxectoria á fronte de diversas formacións europeas e de manter un firme compromiso coa creación contemporánea e coa formación de novas xeracións de músicos.

O programa, cunha duración aproximada dunha hora, reunirá algunhas das páxinas máis suxestivas do repertorio sinfónico. O concerto abrirase e pecharase con dous movementos da Sinfonía núm. 4 en Si bemol maior, op. 60 de Ludwig van Beethoven: o primeiro movemento e o cuarto. Entre ambas as pezas, o público poderá gozar de O idilio de Sigfrido, de Richard Wagner, unha das obras máis íntimas e líricas do compositor alemán, e de Strum, da compositora estadounidense Jessie Montgomery, unha das voces máis destacadas da creación musical actual.

A entrada será libre e de balde ata completar a capacidade da igrexa de Santo Agostiño, polo que a Real Filharmonía de Galicia anima á cidadanía compostelá e ás persoas que visitan a cidade nestas datas a achegarse a este encontro coa música en directo.

Programación estival
Este concerto forma parte da programación de verán da Real Filharmonía de Galicia, un adianto da súa nova tempada de abono, que leva por título “Memoria”.

As seguintes citas da orquestra neste ciclo estival serán o Concerto das Festas do Apóstolo, o 22 de xullo ás 20.00 horas na Praza da Quintana de Santiago de Compostela; o concerto do Noia Harp Fest, o 29 de xullo ás 20.30 horas no Teatro Coliseo Noela de Noia; a participación no Galicia Clarinet Fest, o 7 de agosto ás 20.30 horas no Auditorio de Lalín; e, finalmente, o concerto do Festival Bal y Gay, o 13 de agosto ás 21.00 horas na igrexa de Santa María do Campo, en Ribadeo.