Esta semana a Real Filharmonía de Galicia ofrece ao público a oportunidade de escoitar as obras de tres compositores españois: Inés Badalo, Manuel de Falla e Juan Crisóstomo Arriaga. O concerto contará coa dirección do director asistente Sebastian Zinca e a participación da solista convidada, a sublime pianista Judith Jáuregui.
Seguindo coa temática proposta para a temporada ‘Migracións’, nesta ocasión tamén gozaremos das composicións de autores que tiveron que deixar o seu país de orixe e mudarse a outros lugares para formarse. Pasar por eses cambios enriquece non soamente á persoa que vive as diferentes culturas que se lle presentan, pero tamén inflúe directamente na súa contorna e refléxase nas súas creacións.
Así sendo, o concerto desta semana quere trasladarnos do caos á orde a través dunha viaxe que comeza cun rico xogo de texturas en Entropía, de Inés Badalo, seguido polo universo máxico evocado por Noches en los jardines de España, do compositor español máis importante de tódolos tempos, Manuel de Falla e remata coa Sinfonía en Re menor, de Juan Crisóstomo de Arriaga, popularmente coñecido como o “Mozart español”.
O concerto terá lugar o xoves, 22 de febreiro, no Auditorio de Galicia de Santiago (20:30h) e tamén o venres 23 ás 20:00h no Teatro Afundación en Vigo.
Unha cativadora pianista
A pianista Judith Jáuregui, coñecida polo seu refinamento expresivo e pulsación luminosa prestará a súa gran personalidade para abrillantar a actuación da Real Filharmonía de Galicia desta semana.
Nada en San Sebastián, estivo unida a diversas culturas desde a súa infancia: de nai vasca e pai mexicano de nacemento e francés de adopción, Judith iniciouse na música na súa cidade natal para despois finalizar os seus estudos en Munich, Alemaña, baixo a tutela do mestre ruso Vadim Suchanov.
Cómpre indicar que antes do concerto de Santiago, ás 19:45h, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, os asistentes ao concerto terán a oportunidade de escoitar ao director asistente, Sebastian Zinca, que dialogará co público nunha nova cita do ciclo ‘Conversando con…’.
Entradas á venda
Para o evento, as entradas poden mercarse no despacho de billetes da Zona C ou na web de Compostela Cultura a un prezo de 18€. Por outro lado, para o concerto de Vigo, poden mercarse as entradas a través da plataforma Ataquilla desde 11,70€.