A Real Filharmonía de Galicia protagoniza un ano máis unha das grandes citas do Noia Harp Fest

A orquestra, baixo a batuta do seu director asistente César Ramos e co arpista José Antonio Domené como solista, actuará o 29 de xullo no Teatro Coliseo Noela

O concerto acollerá a estrea de Alén do azul, de Teo Montero Rey, obra gañadora do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli 2026

A Real Filharmonía de Galicia participará un ano máis no Noia Harp Fest, unha das citas musicais máis destacadas do verán galego e o único festival do noroeste peninsular dedicado exclusivamente á arpa. A actuación da orquestra terá lugar o vindeiro 29 de xullo, ás 20.30 horas, no Teatro Coliseo Noela, dentro da décimo terceira edición dun certame que reunirá en Noia artistas de referencia procedentes de Europa, África, América e Galicia.

Nesta ocasión, a Real Filharmonía de Galicia estará dirixida polo seu director asistente, César Ramos, quen continúa afianzando a súa traxectoria á fronte da formación compostelá tras incorporarse nesta temporada ao equipo artístico da orquestra. O director cubano, recoñecido pola súa versatilidade e polo seu traballo con destacadas formacións sinfónicas internacionais, asumirá a dirección dun programa que combina grandes páxinas do repertorio coa creación contemporánea.

O concerto contará tamén coa participación do arpista José Antonio Domené, un dos intérpretes españois máis destacados do seu instrumento. Solista habitual en importantes orquestras e festivais nacionais e internacionais, Domené desenvolve unha intensa actividade artística e pedagóxica, sendo recoñecido pola súa calidade interpretativa e polo seu compromiso coa difusión do repertorio para arpa.

O programa abrirase co Intermezzo de Cavalleria rusticana, de Pietro Mascagni, e continuará coa Suite Holberg, op. 40, de Edvard Grieg. Un dos momentos máis especiais da velada será a estrea de Alén do azul, do compositor coruñés Teo Montero Rey, obra gañadora do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli 2026, un certame impulsado polo propio Noia Harp Fest para promover a creación de novas obras para arpa e orquestra. A segunda parte do programa incluirá o Concertino para arpa, op. 93a, de Mario Castelnuovo-Tedesco, coa participación de José Antonio Domené como solista, e concluirá con Nocturno, de Arnold Schoenberg.

As entradas para este concerto están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla, con prezos a partir de 13,60 euros.

O Noia Harp Fest celebrarase do 29 de xullo ao 1 de agosto co apoio dos Concertos do Xacobeo, consolidándose como unha das propostas culturais máis singulares do verán galego. O festival destaca pola súa aposta pola excelencia artística, a creación contemporánea e o diálogo entre tradición e innovación, convertendo cada ano a vila de Noia nun punto de encontro internacional arredor da arpa.

Tras a súa participación no Noia Harp Fest, a Real Filharmonía de Galicia continuará a súa actividade estival co concerto que ofrecerá o 7 de agosto, ás 20.30 horas, no Galicia Clarinet Fest, no Auditorio de Lalín, e o 13 de agosto, ás 21.00 horas, no Festival Bal y Gay, na Igrexa de Santa María do Campo, en Ribadeo.