A Real Filharmonía de Galicia será a encargada de protagonizar a gala de clausura do Noia Harp Fest 2025, no marco da cal terá lugar a estrea mundial da obra Cuatro historias gallegas, do compositor arxentino Federico Beilinson, gañador do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli.
A gala celebrarase o xoves 7 de agosto ás 20:30 horas no Teatro Coliseo Noela, e estará dirixida polo mestre Sebastian Zinca, director asistente da RFG. O concerto contará ademais coa participación das arpistas Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola.
O programa musical desta cita especial inclúe tamén a interpretación de Folías Celtas, obra distinguida cunha mención de honra e composta polo uruguaio afincado na Coruña Gabriel Bussi, así como pezas para arpa e orquestra dos compositores Claude Debussy e Maurice Ravel.
As últimas entradas para esta gala, que pon o broche final á programación do festival, están dispoñibles a través da plataforma ATaquilla con prezos desde os 13,60 euros.
Cómpre indicar que o Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, promovido polo Noia Harp Fest en colaboración co Concello de Noia, é un certame pioneiro que impulsa a creación contemporánea para arpa e orquestra.
O vindeiro espectáculo da Real Filharmonía de Galicia será o día 13 de agosto no Festival Bal y Gay, que terá lugar na Catedral de Mondoñedo. E a partir de setembro, comezan as actividades da nova temporada da RFG, Historias, con concertos nos barrios compostelás, onde desde o 18 ata o 26 de setembro, a orquestra soará en Santa Marta, Galeras, Fontiñas, Igrexa de Santo Agostiño e Conxo.


