A Real Filharmonía de Galicia protagoniza a estrea en España dunha obra da compositora vasca Helga Arias

O director Josep Planells Schiaffino, galardoado recentemente co 42º Premio Reina Sofía de Composición Musical, estará á fronte da RFG xunto á violista Sara Ferrández

Estrearase a obra I breathe every sound you leave behind, unha co-encarga da RFG coa Basel Sinfonietta

Este programa terá lugar o xoves 27 de marzo no Auditorio de Galicia, en Santiago, e tamén o venres 28 no Auditorio de Ferrol, ambos ás 20:30h

Esta semana a Real Filharmonía de Galicia presenta o programa “Novos Territorios” en Santiago e tamén en Ferrol. Seguindo con a proposta da actual temporada, “Inconformistas”, a idea é presentar ao público unha mestura de autores que buscaban transcender o obvio e por iso, todas as obras que fan parte do repertorio deste programa xogan con elementos extra-musicais.

O director valenciano Josep Planells Schiaffino estará á fronte da orquestra xunto a violista solista Sara Ferrández, unha intérprete aclamada pola crítica polo seu cálido son, naturalidade e musicalidade no escenario.

Cómpre indicar que o público que se achegue ao concerto terá a oportunidade de escoitar a estrea en España da obra I breathe every sound you leave behind, da compositora vasca Helga Arias, unha profunda reflexión sobre como a sociedade trata a sexualidade feminina e como esas dinámicas afectan non só á forma en que as mulleres expresan o amor e o desexo, senón tamén como experimentan os seus propios corpos e identidades. Unha co-encarga da Real Filharmonía de Galicia coa Basel Sinfonietta.

Ademáis, a RFG interpretará a composición de Charles Ives, Washington’s Birthday. Nas palabras do propio autor, trátase dun intento de recrear “un día de festa como o que todo individuo conserva nos recordos da súa infancia”. Tamén se escoitará a obra Harold en Italia, de Hector Berlioz, unha composición que está a medio camiño entre un poema sinfónico e un concerto para viola.

Ás 19:45h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, terá lugar o ciclo ‘Conversando con…’, onde os espectadores poderán escoitar aos tres protagonistas do espectáculo: director, compositora e solista. Schiaffino, Arias e Ferrández dialogarán co público santiagués para dar a coñecer o seu punto de vista responder as preguntas do público.

Director e compositor
Nacido en Valencia en 1988, Josep Planells Schiaffino acaba de ser galardoado co 42.º Premio Reina Sofía de Composición Musical. O xurado seleccionou a súa obra Metalepsis entre case oitenta partituras presentadas.

Pola súa música foi galardoado con numerosos premios, entre eles, a Roche Young Commission do Festival de Lucerna, o New Scenes IV da Deutsche Oper Berlin, o DAAD-Prize, o primeiro premio “Vorhof der Völker” de Berlín, o terceiro premio no Felix Mendelssohn Bartholdy Hochschulwettbewerb e o primeiro premio no Concurso INJUVE.

Unha composición cargada de significados
A obra da compositora vasca Helga Arias está inspirada no Poema nº3 de Sonia Sánchez (1934), destacada poeta, escritora e profesora estadounidense, membro do coñecido como Black Arts Movement.

Segundo Arias, a súa intención ao compoñer foi a de “resaltar o sentimento íntimo, retrospectivo e persoal do poema, ofrecendo aos oíntes unha viaxe sonora que se faga eco da súa silandeira intensidade e dos seus ecos marmulados”.

Unha prometedora solista
Sara Ferrández é unha das violistas máis prometedoras da súa xeración. A súa visión innovadora da música e a súa extraordinaria maneira de tocar envolven o público nunha atmosfera única, mesmo nas máis grandes salas de concerto.

Malia súa mocidade, Sara actuou en varias das mellores salas internacionais, como son a Philharmonie de Berlín, Elbphilharmonie de Hamburgo, Alte Oper de Frankfurt, Victoria Hall de Xenebra, Auditorio Nacional de Música de Madrid ou l’Auditori, entre moitas outras.

Entradas á venda
As entradas para o concerto deste xoves, 27 de marzo (ás 20:30h no Auditorio de Galicia) poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 18€.

Por outra banda, as entradas para o concerto no Auditorio de Ferrol (o venres 28 de marzo ás 20:30h) están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla desde os 17,60€.