A Real Filharmonía de Galicia presenta, xunto á compañía teatral La Maquiné, o espectáculo “Parade, o Circo dos Valentes”

A RFG realizará catro pases didácticos no Auditorio de Galicia: o xoves 20 e o venres 21 exclusivamente para centros educativos, ás 10h e ás 12h

No sábado 22, ás 18:00h repetirase o espectáculo aberto ao público familiar

Escoitaranse obras de Stravinski, Satie e Poulenc

A Real Filharmonía de Galicia ofrece un total de cinco concertos esta semana, onde catro deles estarán destinados a centros educativos e o último estará aberto ao público familiar.

O espectáculo, que se atopa dentro da programación escolar ofrecida por Compostela Cultura a centros educativos de Santiago e de toda Galicia, terá lugar o xoves 20 e o venres 21 ás 10h e ás 12h (para os centros educativos que o solicitaron) e, ademais, haberá outro aberto ao público familiar o sábado ás 18.00h. Para este último concerto a venda de entradas está aberta a través da propia web de Compostela Cultura e tamén nos despachos de billetes habituais a un prezo de 3€.

A compañía de artes escénicas La Maquiné é a responsable pola montaxe teatral que conta a historia do tío Pepe e do pallaso Chochotte, unha parella de comediantes que chegan á praza do pobo e montan a súa pequena carpa de circo. Ao darse conta que todos os artistas da compañía están desaparecidos, recorren a súa única atracción, Babar, un pequeno elefante que quere ser artista pero que ten medo á pista. A través da improvisación, a dupla segue a función para tratar de convencer ao paquidermo para que realice o seu número e poder, así, cobrar algo de diñeiro para comer.

Na ocasión, contarase coa actuación dos actores Joaquín Casanova e Elisa Ramos e a dirección do mestre José López-Montes. O público que se achegue ao Auditorio de Galicia para gozar do concerto escoitará obras de Stravinsky, Satie e Poulenc.