A Real Filharmonía de Galicia presenta “Universos Paralelos” baixo a dirección de Zoe Zeniodi e co trompetista galego Esteban Batallán

O programa inclúe obras de Britta Byström, Johann Nepomuk Hummel, Nuria Núñez Hierro e Arthur Honegger

O concerto celebrarase o mércores 21 de maio ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia e o venres 22 de maio ás 20.30 horas no Auditorio de Ferrol

A Real Filharmonía de Galicia presenta esta semana un novo concerto da temporada “Historias”. Baixo o título “Universos Paralelos”, a orquestra achega unha proposta musical que reunirá repertorio actual e clásico da man da directora grega Zoe Zeniodi e do trompetista galego Esteban Batallán, dúas figuras destacadas da escena internacional.

O programa poderá escoitarse o mércores 21 de maio ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e tamén o venres 22 de maio ás 20.30 horas no Auditorio de Ferrol. O concerto contará ademais coa participación do alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais.

A primeira obra do programa será a estrea en España de Parallel Universes da compositora sueca Britta Byström, unha peza inspirada nas teorías cosmolóxicas sobre universos paralelos formuladas por Max Tegmark. Escrita para os BBC Proms en 2021, a obra constrúe unha paisaxe sonora en constante transformación a través de capas orquestrais, cánones e motivos que evolucionan en múltiples direccións.

A continuación, o trompetista Esteban Batallán interpretará o célebre Concerto para trompeta en Mi bemol maior de Johann Nepomuk Hummel, unha das obras máis emblemáticas do repertorio para este instrumento. Composto en 1803 para o virtuoso Anton Weidinger e a súa innovadora trompeta de chaves, o concerto combina elegancia clásica e brillantez técnica nunha partitura que continúa sendo referencia indispensable para trompetistas de todo o mundo.

Na segunda parte do concerto soará Sismos, da compositora andaluza Nuria Núñez Hierro, encarga da Real Filharmonía de Galicia dentro do “Proxecto Cometas” e que se estrea de maneira absoluta neste programa. A obra inspírase nos procesos de acumulación e liberación de enerxía propios dos movementos sísmicos e explora novas texturas e posibilidades tímbricas da orquestra mediante unha escrita marcada pola transformación constante do son.

O programa pecharase coa Sinfonía núm. 2 de Arthur Honegger, escrita durante a ocupación nazi de Francia e considerada unha das obras máis intensas e conmovedoras do compositor franco-suízo. Concebida para corda e culminada cun coral final de trompeta, a sinfonía transita da escuridade e a angustia cara a unha afirmación luminosa da esperanza.

Antes do concerto en Santiago, ás 19.45 horas, celebrarase unha nova sesión do ciclo “Conversando con…” na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, coa participación de Zoe Zeniodi, Esteban Batallán e Nuria Núñez Hierro.

Unha experimentada directora
A directora Zoe Zeniodi desenvolve unha sólida carreira internacional á fronte de formacións como a Real Orquesta Sinfónica de Sevilla, a Philharmonie de París, a Filharmónica de Bremen ou a Orquestra Nacional de Colombia, entre moitas outras. Actuou en escenarios como o Carnegie Hall ou o Teatro Colón e colaborou con artistas como Stephen Hough, Vadim Gluzman ou Lise de la Salle. Ademais, o documental Maestra, centrado na súa vida e traxectoria profesional, estreouse no Tribeca Film Festival e atópase actualmente dispoñible en Netflix.

Talento galego, proxección internacional
Pola súa parte, Esteban Batallán é trompeta principal da Chicago Symphony Orchestra desde 2019 por nomeamento de Riccardo Muti. Natural de Barro (Pontevedra), colaborou con importantes formacións internacionais como a Royal Concertgebouw Orchestra, a Philadelphia Orchestra ou a Hong Kong Philharmonic Orchestra e actuou baixo a dirección de mestres como Zubin Mehta, Bernard Haitink, Klaus Mäkelä ou Riccardo Chailly. Ademais da súa carreira orquestral, desenvolve unha intensa actividade como solista e docente en prestixiosas institucións internacionais.

Entradas á venda
As entradas teñen un prezo de 18€ e con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, maiores de 65 anos, estudantes, menos de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas e poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo). Por outra banda, para o concerto de Ferrol, as entradas poden mercarse a través da plataforma Ataquilla desde 17,60 €.