A Real Filharmonía de Galicia ofrece este venres, 17 de xaneiro, o seu primeiro concerto do ciclo (EN)FOCO. Este formato busca facilitar a comprensión das composicións a través de breves explicacións das obras, polo que o público terá a oportunidade de profundar os seus coñecementos coa axuda dos comentarios do director Baldur Brönnimann.
O programa, cuxo repertorio está inspirado en América, contará coa actuación do pianista Vasco Dantas, que interpretará a coñecida obra Rhapsody in Blue, de George Gershwin. Ademais, o público que se achegue ao Auditorio de Galicia para gozar deste espectáculo terá a ocasión de escoitar a obra Archipelago, de George Antheil, La Création du Monde, op. 81 de Darius Milhaud e tamén Three Places in New England, do compositor Charles Ives.
Ao tratarse dun concerto fóra da temporada de abono, todas as persoas interesadas deberán mercar as súas entradas no despacho de billetes da Zona C ou na web de Compostela Cultura a un prezo de 10€. Como novidade, este ano haberá outra modalidade de entrada para este ciclo, onde o público poderá adquirir unha entrada con petisco e bebida (18€) e aproveitar un espazo posconcerto na cafetería Lasso, localizada no propio Auditorio de Galicia.
O obxectivo desta iniciativa é seguir fomentando o diálogo e facilitar o contacto e intercambio de ideas entre o público.
Un destacado solista
O pianista portugués Vasco Dantas naceu en Oporto en 1992 e licenciouse en Música con “1st Class Distinction” no Royal College of Music de Londres, estudando piano con Dmitri Alexeev e Niel Immelman, e dirección con Peter Stark e Natalia Luis-Bassa.
Recibiu diversos primeiros premios en variados concursos relacionados coa música clásica tanto no panorama do país luso como na comunidade galega, entre elos destácase o Concurso Internacional do Porto Santa Cecília, o Concurso Internacional de Estoril de Lisboa, o Concurso Internacional de Piano da Ría de Vigo, ben como o Concurso Internacional de Piano do Alto Minho.


