Este xoves a Real Filharmonía de Galicia presenta un novo programa da súa temporada 2024-25. Baixo o título “Grandes ideais”, o concerto trae no seu repertorio as obras Subito con forza, de Unsuk Chin; Larghetto de Emmanuel Chabrier; Villanelle, de Paul Dukas e a Sinfonía núm. 3 en Mi bemol maior, op. 55 “Heroica” de Ludwig van Beethoven.
O director asturiano Pablo González estará á fronte da orquestra xunto ao trompa solista David Fernández, músico vigués que gravou unha peza de José Arriola nun disco en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia e que tamén estudou na Escola de Altos Estudos Musicais.
O público que se achegue ao Auditorio de Galicia terá a oportunidade de coñecer o punto de vista dos protagonistas do espectáculo, intercambiar ideas e facerlles preguntas grazas ao ciclo ‘Conversando con…’, un espazo informal que busca tender pontes entre os espectadores e os artistas convidados. A conversa terá lugar ás 19:45h na Sala Mozart.
Dentro da proposta da actual temporada da Real Filharmonía de Galicia, Inconformistas, a autora e os autores seleccionados conforman unha mostra de compositores que buscaron transcender o obvio e desafiar a norma a través da súa música.
Escoitarase a sinfonía “Heroica” do ‘inconformista orixinal’, Ludwig van Beethoven, que marcou un antes e un despois na historia da música e tamén a explosiva e atrevida obra de Unsuk Chin, inspirada na musicalidade e na personalidade de Beethoven. Igualmente destacables son as aportacións dos autores franceses Emmanuel Chabrier e Paul Dukas, o primeiro por empregar a trompa como un instrumento lírico dentro dunha composición orquestral e o segundo pola beleza rústica e a sinxeleza utilizadas na súa composición.
Un carismático director
Recoñecido como un dos directores máis versátiles e apaixonados da súa xeración, Pablo González naceu en Oviedo e estudou na Guildhall School of Music & Drama de Londres. Obtivo o Primeiro Premio no Concurso Internacional de Dirección de Cadaqués e no Donatella Flick.
Foi Director Titular da Orquesta Sinfónica RTVE e asesor artístico da Orquesta Sinfónica e Coro RTVE desde novembro de 2018 ata o final da tempada 2022-2023 e anteriormente, foi Director Titular da Orquesta Simfònica de Barcelona i Nacional de Catalunya (OBC) e Principal Director Convidado da Orquesta Ciudad de Granada.
Un solista galego
O músico David Fernández naceu en Vigo no ano 1979 e foi alumno da Escola de Altos Estudos Musicais. Formouse na Escola Superior de Karlsruhe, en Alemaña, onde rematou os seus estudos con matrícula en trompa e solista. Posteriormente, formou parte da Nova Orquestra Nacional de España, Orquestra Nova da Unión Europea e da Nova Orquestra Gustav Mahler.
Actuou nos máis prestixiosos auditorios e salas de concerto de Berlín, Múnic, Tokio, París, Nova York, Londres e Ámsterdam, entre outras grandes capitais. Ademais, o instrumentista vigués recibiu numerosos galardóns, entre eles o Premio da Crítica de Galicia en 2003.
Entradas á venda
As entradas para o concerto deste xoves, 13 de marzo (ás 20:30h no Auditorio de Galicia) poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 18€.