A Real Filharmonía de Galicia presenta esta semana “Animalia”, unha proposta didáctica e familiar que invita a pequenos e maiores a descubrir a música a través dun espectáculo protagonizado por dous simpáticos felinos.
Con unha linguaxe próxima, humor e moita imaxinación, “Animalia” propón descubrir que historias agochan as composicións de grandes autores e, ao mesmo tempo, que terían que dicir os gatos deses compositores. Baixo esta premisa, o concerto combina música e narración para achegar o universo orquestral dun xeito accesible e divertido, con obras de Wolfgang Amadeus Mozart, Joseph Haydn, Franz Schubert, Maurice Ravel, Ludwig van Beethoven e Piotr Ilich Chaikovski.
O espectáculo contará coa participación dos actores Sofía Nereida e António Miguel Teixeira, que ao longo dos últimos anos teñen colaborado en diversas ocasións coa Real Filharmonía de Galicia en propostas familiares como “Mini Mozart” e “O Grande Beethoven”, achegando unha interpretación chea de frescura, humor e complicidade co público máis novo.
O concerto familiar terá lugar o sábado 18 de abril ás 18:00h no Auditorio de Galicia. As entradas poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 3€.


