A Real Filharmonía de Galicia presenta a tempada 2026-2027 cun concerto sorpresa aberto á cidadanía

Baldur Brönnimann dirixirá a orquestra nun concerto no que desvelará a nova programación para a tempada 2026-2027

Será o vindeiro xoves, día 18 de xuño, ás 20:00h no Auditorio de Galicia

A Real Filharmonía de Galicia presentará o vindeiro xoves 18 de xuño no Auditorio de Galicia a súa tempada de abono 2026-2027 cun concerto especial dirixido por Baldur Brönnimann e aberto a toda a cidadanía.

O programa do concerto, no que se presentarán as chaves do que será a nova tempada, será sorpresa.  

As persoas abonadas terán reservadas as súas butacas, as mesmas que ocuparon durante toda a tempada anterior, e simplemente terán que presentar a súa tarxeta de abono no acceso ao recinto.

Para o resto de persoas interesadas en asistir a este concerto, a entrada será de balde previa retirada de convites (máximo 2 por persoa) na páxina web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e, sempre que existan aínda localidades dispoñibles, no do Auditorio de Galicia (o propio día do concerto, dende unha hora antes do seu comezo).