Entre os días 18 e 26 de setembro, a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá unha serie de concertos gratuítos nos barrios compostelás. Esta iniciativa busca achegar a música sinfónica a todos os recunchos de Santiago ao levar a orquestra fóra do Auditorio para conectala directamente coa cidadanía. En total, serán cinco concertos abertos ao público en diferentes puntos da cidade:
18 de setembro | Centro Sociocultural Santa Marta
19 de setembro | Igrexa de Santo Agostiño
24 de setembro | Casa das Máquinas – Galeras
25 de setembro | Igrexa de Santa María da Mercé de Conxo
26 de setembro | Centro Comercial Área Central – Fontiñas
Todos os espectáculos terán lugar ás 19:30h e o público asistente escoitará unha selección de obras que forman parte da nova temporada da RFG, ‘Historias’: Obertura de Las bodas de Fígaro, de Mozart, Salut d’amour de Elgar, Serenata en Re menor de Dvorák, Sinfonía núm 3 en Sol menor de Farrenc, Orawa de Kilar e tamén a Sinfonía núm 1 en Do Maior de Beethoven.
Ademais, haberá a estrea absoluta da obra Foliada festiva, unha peza escrita especialmente para a Real Filharmonía de Galicia polo compositor vigués Juan Durán en conmemoración ao seu 30º aniversario. A composición integra o proxecto “Cometas”, unha serie de 16 breves obras sinfónicas, de ata cinco minutos de duración, escritas por oito compositoras e oito compositores (a metade deles galegos e galegas e a outra metade españois), pensadas para acompañar as grandes obras do repertorio sinfónico e establecer así un diálogo entre o pasado, o presente e o futuro da música.
Durante as actuacións nos barrios, o director titular e artístico da RFG, Baldur Brönnimann, xunto ao director asistente, Sebastian Zinca, intercalarán a dirección da orquestra compostelá, sendo Brönnimann o responsable por levar a batuta durante as dúas primeiras presentacións e Zinca o encargado de facelo a partir do 24 de setembro.
Cómpre indicar que nestes concertos preséntanse os contidos da vindeira temporada da Real Filharmonía de Galicia, ‘Historias’, cun formato máis próximo e a intervención de comentarios dos directores entre as obras presentadas co fin de romper os muros invisibles que afastan moitas persoas da música clásica.
Neste eido e para responder á diversidade de intereses e os distintos públicos que quere alcanzar a RFG, ademais dos abonos anuais, este ano é posible adquirir tamén abonos flexibles, que permiten elixir entre 5 ou 10 concertos e tamén o abono (EN)FOCO, que outorga ao seu titular a posibilidade de asistir ao ciclo (EN)FOCO ao completo (con opción de acudir soamente aos concertos ou ampliar a experiencia coa degustación dun petisco e bebida na cafetería do Auditorio).
Os interesados en mercar os novos abonos anuais poden facelo na Zona C (de martes a sábado, en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 19 h), no despacho de billetes do Auditorio de Galicia, de 10 a 14 horas, ou a través do teléfono do Auditorio (981 571 026) nese mesmo horario.
Para os abonos flexibles, pódese efectuar a compra na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (situada na praza de Cervantes e con horario de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas).
É importante ter en conta que aquelas persoas que opten pola compra presencial do abono no despacho de billetes terán que acudir tamén de forma presencial a trocar as súas entradas. De facer a compra en liña a través da web de Compostela Cultura poderán cambiar o abono por entradas de forma telemática dende o seu perfil de persoa usuaria. En calquera dos casos, a retirada de entradas con cargo ao abono só poderá facerse a partir do 25 de setembro.
No caso dos abonos (EN)FOCO, a venda realízase unicamente de maneira presencial no despacho de billetes da Zona C. As persoas que optan por esta modalidade reciben directamente as súas entradas para os tres concertos.


