A Real Filharmonía de Galicia pecha a súa temporada cunha viaxe sonora entre memoria, vangarda e emoción

Baldur Brönnimann dirixe un programa con obras de Octavi Rumbau, Alberto Ginastera e Antonín Dvorák xunto ao violonchelista Santiago Cañón-Valencia

O concerto terá lugar o mércores 3 de xuño, ás 20:00 horas, no Teatro Afundación (Vigo) e o xoves 4 de xuño ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela)

A Real Filharmonía de Galicia porá o broche final á súa temporada co concerto “Variacións da Historia”, unha proposta musical que percorre diferentes formas de entender a tradición, a memoria e a transformación sonora. Baixo a batuta do seu titular e director artístico, Baldur Brönnimann, a orquestra ofrecerá un programa que une creación actual e grandes obras do repertorio sinfónico.

O concerto contará ademais coa participación do violonchelista colombiano Santiago Cañón-Valencia, unha das figuras máis destacadas da súa xeración no panorama internacional. Recoñecido polo seu virtuosismo e capacidade expresiva, foi distinguido como BBC New Generation Artist e desenvolve unha intensa carreira internacional colaborando con importantes orquestras e auditorios de Europa e América.

Pola súa banda, Baldur Brönnimann consolidouse como unha das batutas europeas máis comprometidas coa música actual e coa renovación da experiencia orquestral. O director suízo, á fronte da Real Filharmonía de Galicia desde 2023, destaca pola súa versatilidade, o seu compromiso coa creación e a súa capacidade para conectar repertorios cunha mirada innovadora.

Estrea absoluta, tradición latinoamericana e unha das grandes xoias do repertorio para violonchelo
“Variacións da Historia” abrirase coa estrea absoluta de I love sounds just as they are, nova creación do compositor barcelonés Octavi Rumbau e última entrega da serie “Cometas” impulsada pola Real Filharmonía de Galicia. Inspirada nunha coñecida afirmación de John Cage, a obra propón unha experiencia de escoita radical na que fragmentos das sinfonías de Beethoven se transforman en materia sonora suspendida entre a memoria e a percepción.

A continuación, a orquestra interpretará as Variacións concertantes de Alberto Ginastera, unha das obras máis representativas do compositor arxentino, na que conflúen a tradición musical europea e as raíces folclóricas latinoamericanas a través dunha brillante sucesión de variacións instrumentais.

Como peche da temporada, a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá o monumental Concerto para violonchelo e orquestra de Antonín Dvorák, unha das partituras máis admiradas do repertorio romántico. Santiago Cañón-Valencia asumirá o papel solista nunha obra de enorme intensidade lírica e emocional que constitúe unha das grandes referencias para o instrumento.

Con este programa, a Real Filharmonía de Galicia despide unha temporada marcada pola aposta pola diversidade de repertorios e o diálogo entre tradición e novas formas de escoita, antes do reencontro co público no vindeiro outono.

Entradas á venda
As entradas para o concerto de Santiago teñen un prezo de 18€ e con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, maiores de 65 anos, estudantes, menos de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas e poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).

Por outro lado, para o concerto de Vigo, poden mercarse as entradas a través da plataforma Ataquilla desde 13,30€.