A Real Filharmonía de Galicia participa no ciclo de música Ópticas Contemporáneas da Cidade da Cultura

Será co concerto Flying pictures at an exhibition xunto a DJ Mil o venres, 3 de novembro, no Museo Centro Gaiás

A Real Filharmonía de Galicia participará no ciclo de música Ópticas Contemporáneas. A música reborda o pentagrama que ofrece a Cidade da Cultura de Galicia. Será o vindeiro venres, 3 de novembro, ás 20h co concerto Flying pictures at an exhibition no Museo Centro Gaiás.

Neste evento ofrecerase unha experiencia diferente á habitual dun auditorio: haberá servizo de bar, ambientación lumínica distinta á tradicional dun concerto instrumental e asentos tipo “puf”, creando un ambiente de “club” para vivir a actuación de maneira cómoda e desenfadada.

A orquestra interpretará Flying Pictures de Modest Mussorgsky a través da visión de Vivan e Ketan Bhatti, o cal é o punto de referencia para unha nova composición e interpretación contemporánea. A peza é unha estrea en España e estará dirixida polo director titular e artístico da Real Filharmonía, Baldur Brönnimann. Esta obra foi creada orixinalmente para unha colaboración co grupo de danza Flying Steps.

O proceso de composición descríbese co termo “palimpsesto”, un manuscrito para unha peza no que o texto se perfeccionou para facer reescrituras sobre fragmentos do orixinal.

Ao remate da parte orquestral, o picadiscos DJ Mil, quen tamén participa coa Filharmonía, ofrecerá unha sesión de música electrónica para pór o ramo ao evento.

Desde o momento de apertura de portas, ás 19:30h, no ambiente escoitarase música que convidará a gozar deste evento de maneira distinta ao que están acostumados os asistentes aos concertos da Real Filharmonía.

As entradas para este evento poden mercarse anticipadamente a través da plataforma Ataquilla a un prezo de 5€.