A Real Filharmonía de Galicia participa na gravación do novo proxecto musical do director José Luis Temes

Trátase da primeira colaboración entre o director e a Real Filharmonía de Galicia

A nova aposta discográfica de José Luis Temes centra o seu repertorio nas composicións inéditas de María Luisa de Borbón, unha figura que exerceu un activo papel feminino na vida cultural de principios do século XIX

Durante esta semana, a Real Filharmonía de Galicia participa na gravación do máis novo proxecto do director José Luis Temes. Trátase da labor de inmortalizar as composicións inéditas de María Luisa de Borbón, coñecida como a primeira compositora española en escribir partituras sinfónicas.

Este proxecto puido levarse a cabo grazas ao labor de investigación da musicóloga Ana Lombardía, profesora da Universidade de Salamanca, quen foi responsable por sacar á luz estas partituras. A través dun extenso traballo de exploración do coñecido como fondo Borbón, puideron atoparse ao redor dunhas 500 partituras de música española, na súa maioría, descoñecidas.

Esta proeza tradúcese en catro pezas breves que compoñen uns 40 minutos de música e, de momento, isto é o todo o que se coñece da obra de María Luisa de Borbón. O disco presentarase en novembro, coincidindo co bicentenario de falecemento da compositora. Sen embargo, as conversacións entre a RFG e o director datan de máis dun ano, momento no que se decidiu apostar pola idea e establecer un tándem co obxectivo de dar visibilidade a estas pezas históricas do repertorio español. 

Un experimentado director
José Luis Temes naceu en Madrid en 1956. Titulouse en 1976 polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, estivo á fronte do Grupo de Percusión de Madrid entre os anos de 1976 e 1981, unha iniciativa entón pioneira para a difusión do repertorio internacional contemporáneo, con case duascentas actuacións por España, Portugal, Italia e Hungría.

Na década dos 80 deu o salto á dirección orquestral. Desde entón dirixiu regularmente a práctica totalidade das orquestras sinfónicas españolas e varias doutros países: Filarmónica de Londres, Sinfónica della RAI (Roma), Filarmónica de Poznan (Polonia), Radio de Belgrado, Fundación Gulbenkian (Lisboa) etc. Pasou por cidades como Nova York, Montreal, Londres, París, Roma, Milán, Vicenza, Zagreb, Belgrado, Budapest, Viena, Bordeus etc.

Temes dirixiu ata o momento algo máis de mil concertos. Estreou máis de 350 obras de música española e publicou máis de cen discos con patrimonio musical español do últimos tres séculos. Ademais, en 2008, foi galardoado co Premio Nacional de Música, polas mans dos entón Príncipes de Asturias, «polo seu inmenso labor como director de orquestra».