A Real Filharmonía de Galicia participa en Cineuropa interpretando a banda sonora da película Foolish Wives, de Erich von Stroheim

A música da proxección da obra de cine mudo será dirixida polo seu compositor, Timothy Brock, e suporá a estrea en Europa da restauración do filme

 

A cita será o xoves 17 ás 19.30h no Auditorio de Galicia

A Real Filharmonía de Galicia participará un ano máis no festival Cineuropa, que chega este ano á súa trixésimo sexta edición. Nesta ocasión, será interpretando a banda sonora da película de cine mudo Foolish Wives, do director Erich von Stroheim, baixo a batuta de Timothy Brock.

A cita será o vindeiro xoves 17 ás 19:30h no Auditorio de Galicia, polo que se adianta o horario habitual dos concertos da orquestra debido á duración de 147 minutos do filme.

Esta mistura de música en directo coa proxección suporá a estrea en Europa da restauración desta película de hai un século e da súa música, composta polo propio Timothy Brock no pasado ano 2020.

Neste filme, un vividor faise pasar en Montecarlo por un respectable conde ruso e tenta seducir a unha distinguida dama norteamericana que pasa as súas vacacións co seu marido, un destacado diplomático, co fin de extorsionala polo seu diñeiro. Entre o reparto da longametraxe está o propio Von Stroheim, Rudolph Christians, Miss DuPont, Maude George ou Mae Busch.

Especializado en cinema mudo
Timothy Brock é un director e compositor especializado en obras de concerto de principios do século XX e representacións en vivo de cinema mudo. Considerado un dos máis importantes expertos en música de cinema mudo, as súas contribucións máis destacadas neste campo son as súas restauracións e as edicións publicadas da única partitura de cinema mudo de Dmitri Shostakóvich, A nova Babilonia; a épica italiana de Manilo Mazza, Cabiria; ou a popular partitura de George Antheil para o Ballet mecánico. Ao longo de trinta anos, Brock escribiu 27 partituras orixinais para cinema mudo.

Ademais, está especializado en composicións de Charles Chaplin, que comezou en 1998 cando lle encomendan a restauración da partitura de Tempos modernos. Desde entón restaurou 12 longametraxes mudas de Chaplin e partituras curtas ata que finalizou o traballo en 2012.

Entradas á venda
Para asistir á proxección do filme, restan unhas poucas entradas dispoñibles que se poden mercar a través da web compostelacultura.com ao prezo de 15€.