A Real Filharmonía de Galicia participa do Galicia Clarinet Fest en Lalín

O concerto contará coa actuación dos clarinetistas galegos Emilio Alonso Espasandín e Xocas Meijide e tamén coa participación de Juan Ferrer

 A cita musical será este xoves 31, ás 20:30 h, no Auditorio de Lalín

Este xoves, día 31 de xullo, a Real Filharmonía de Galicia ofrece un concerto incluído na programación do Galicia Clarinet Fest no concello pontevedrés de Lalín. Na ocasión, o director José Luis Estellés estará á fronte da orquestra acompañado polos clarinetistas Emilio Alonso Espasandín e Xocas Meijide, dous experimentados clarinetistas galegos cuxo perfil abarca un repertorio amplo e versátil. Ademais, o espectáculo tamén contará coa participación do músico Juan Ferrer, un dos máis polifacéticos e activos clarinetistas españois da súa xeración.

O programa deste día presenta a estrea absoluta da obra Paradoxe, de Alexandre Kosmicki, unha encarga de Espadasín e Meijide, e composicións clásicas como o Concerto nº 1 de Johannes Brahms e as Danzas de Galanta de Zoltán Kodály.

Os espectadores que se acheguen ao Auditorio de Lalín poderán gozar do espectáculo a partir das 20:30 h.

Programación estival
A Real Filharmonía de Galicia segue coas actuacións enmarcadas dentro da súa temporada de verán, unha serie de espectáculos que anteceden a súa próxima temporada de abono, ‘Historias`, que comezará en outubro.

As seguintes citas serán o 7 de agosto no Teatro-Coliseo Noela, en Noia e tamén o día 13 de agosto no Festival Bal y Gay, que terá lugar na Catedral de Mondoñedo. A partir de setembro, comezan as actuacións nos barrios compostelás, onde desde o 18 ata o 26 de setembro terán lugar diversas presentacións en Santa Marta, Galeras, Fontiñas e Conxo.