A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá dous concertos na Igrexa de Santo Agostiño en Santiago

A orquestra, dirixida por José Luis Temes, realizará un programa adicado ao clasicismo no que soarán por primeira vez en directo as sinfonías de María Luisa de Borbón

O concerto terá lugar os días 16 e 17 de xullo na Igrexa de San Agostiño, ás 20:00 h, e a entrada é gratuíta ata completar a capacidade do lugar

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá esta semana na Igrexa de Santo Agostiño un programa especial dedicado ao clasicismo, que inclúe o primeiro e o cuarto movemento da Sinfonía núm. 40 de Mozart, a Sinfonía 12 de Carlos Baguer, así como as Sinfonías 1 e 4 de María Luisa de Borbón. Estas últimas foron gravadas polo director xunto á RFG, en agosto do ano pasado, enmarcadas dentro do proxecto de investigación da musicóloga Ana Lombardía, profesora da Universidade de Salamanca, quen foi responsable por sacar á luz estas partituras.

A iniciativa buscaba inmortalizar as composicións inéditas da infanta, coñecida como a primeira compositora española en escribir partituras sinfónicas. Os espectadores que o desexen poderán achegarse o día 16 de xullo, ás 20:00h, para gozar en directo da interpretación deste repertorio inédito xunto a outras obras do clasicismo español e europeo. No día 17 de xullo o concerto repetirase á mesma hora, tamén na Igrexa de Santo Agostiño.

O acceso ao evento é libre, ofrecendo ao público compostelán a oportunidade de gozar da calidade sonora da orquestra no corazón da cidade, apreciando unha acústica única nunha contorna especial.

Un experimentado director
José Luis Temes naceu en Madrid en 1956. Titulouse en 1976 polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, estivo á fronte do Grupo de Percusión de Madrid entre os anos de 1976 e 1981, unha iniciativa entón pioneira para a difusión do repertorio internacional contemporáneo, con case duascentas actuacións por España, Portugal, Italia e Hungría.

Temes dirixiu ata o momento algo máis de mil concertos. Estreou máis de 350 obras de música española e publicou máis de cen discos con patrimonio musical español do últimos tres séculos. Ademais, en 2008, foi galardoado co Premio Nacional de Música, polas mans dos entón Príncipes de Asturias, «polo seu inmenso labor como director de orquestra».

Segue aberto o prazo de inscrición para o proxecto Cantamos!
A Real Filharmonía de Galicia lanza a convocatoria para que coros afeccionados de toda Galicia se unan ao proxecto participativo Cantamos! 2025.

O prazo de inscrición estará aberto ata o día 18 de xullo, a través dun formulario que está dispoñible na web da orquestra.

A selección dos coros, baseada en criterios de equilibrio vocal, darase a coñecer o 22 de xullo na páxina oficial e nas redes da RFG. Para calquera dúbida ou solicitude, os interesados poden contactar polo correo info@rfgalicia.org ou por teléfono +34?981?55?22?90.

PROGRAMACIÓN VERÁN 2025 –  REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
16 de xullo (20:00h) | Concerto Igrexa Santo Agostiño | Santiago de Compostela
17 de xullo (20:00h) | Concerto Igrexa Santo Agostiño | Santiago de Compostela
23 de xullo (21:00h) | Concerto das Festas do Apóstol | Praza da Quintana (Santiago de Compostela)
31 de xullo (20:30h) | Galicia Clarinet Fest | Auditorio de Lalín
7 de agosto (20:30h) | Noia Harp Fest | Teatro Coliseo Noela (Noia)
13 de agosto (21:00h) | Festival Bal y Gay | Catedral de Mondoñedo

Para máis información sobre a programación e detalles dos concertos, pódese consultar a páxina da Real Filharmonía de Galicia.