A Real Filharmonía de Galicia presenta esta semana o concerto “Encrucillada”. Dirixido por Sebastian Zinca e coa actuación do acordeonista Iñaki Alberdi, o espectáculo trae no seu repertorio as obras Fachwerk, da compositora Sofiya Gubaidulina, e a Sinfonía núm. 1 en Fa menor, op. 10 de Dmitri Shostakovich.
O concerto será unha homenaxe á compositora, quen dedicou toda a súa vida á música e que faleceu recentemente aos 93 anos de idade. Gubaidulina deixou un legado musical de máis dun centenar de obras que marcaron o panorama musical do último século. A pesar de que, nun principio, as súas composicións foron clasificadas como “irresponsables”, o propio Shostakovich a animou a seguir polo seu “camiño erróneo” despois de avaliala polo seu exame final.
Fachwerk presenta un diálogo entre as dúas culturas musicais da súa compositora, a occidental e a tártara, simbolizada no baián, unha sorte de acordeón para o que adoita escribir. Por outra banda, a primeira sinfonía de Shostakovich foi composta con motivo da súa graduación no Conservatorio e, malia estar escrita nunha linguaxe tonal e un estilo conservador, deixa entrever a súa personalidade innovadora.
Pre-concerto do alumnado do Curso de Especialización Orquestral da EAEM
Antes do espectáculo de Santiago, haberá unha actuación especial do alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais.
Da man dos seus profesores Natalia Madison e Thomas Piel, e como parte da súa formación e práctica no eido da música profesional, os estudantes formarán grupos de cámara para ofrecer ao público unha mostra do perfeccionamento da súa técnica.
Na ocasión, Belén Aragunde (frauta), Francisco Javier Ruiz (óboe), Yiran Niu (violín), Inês Fernando (viola) e Esther Fernández (violonchelo) estarán xuntos no palco na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, ás 19:30h, para interpretar as obras Quinteto para frauta, óboe e corda, op.18 núm. 2 en Do maior de I. Pleyel, Cuarteto Fantasía para óboe corda de B. Britten e Dúo para frauta e violonchelo “Assobio a Játo” deH. Villa-Lobos.
Un acordeonista comprometido
Unha das teimas constantes de Iñaki Alberdi como intérprete de acordeón foi dotar ao instrumento dun repertorio do que carecía, dada a súa recente incorporación ao mundo dos concertos académicos. Por iso, traballou man a man con compositores contemporáneos desde o inicio da súa carreira co fin de ampliar o repertorio pensado para este instrumento, tratando de deixar un mellor legado ás futuras xeracións de acordeonistas.
O conxunto do seu repertorio como intérprete, desde o Renacemento ata o século XXI, representa para a música clásica unha perspectiva nova, que dialoga perfectamente entre o popular e o vangardista.
Entradas á venda
As entradas para o concerto de Santiago poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio de Galicia (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 18€. Para o espectáculo que terá lugar en Vigo, as entradas estarán dispoñibles a través da plataforma Ataquilla desde os 13,30€.