A Real Filharmonía de Galicia navega entre tradición e vangarda nun programa inspirado no mar

O programa “Mares de historias” une composicións actuais con grandes obras de Benjamin Britten e Jean Sibelius

Mércores 22 en Vigo (20.00h) e xoves 23 en Santiago de Compostela (20.30h), baixo a dirección de Paul Daniel

A Real Filharmonía de Galicia presenta esta semana un novo programa que convida ao público a realizar unha viaxe sonora entre o presente e o pasado, con Galicia e o norte de Europa como puntos de encontro e o mar como fío condutor. Baixo a batuta de Paul Daniel, a orquestra ofrecerá dous concertos en Vigo e Santiago de Compostela cun repertorio que combina creación actual e grandes clásicos sinfónicos europeos.

O programa ábrese coa estrea absoluta de Alalá, do compositor vasco Gabriel Erkoreka, unha obra do “Proxecto Cometa” que revisita a tradición musical galega desde unha perspectiva contemporánea, integrando elementos do folclore como os bordóns, patróns melódicos e rítmicos característicos ou o uso de percusión tradicional. A continuación, interpretarase Mar ao Norde, de Fernando Buide, unha obra inspirada no poemario homónimo de Álvaro Cunqueiro que evoca atmosferas ligadas ao mar e á noite, cun destacado protagonismo da sección de violonchelos.

A segunda parte do concerto traslada ao público ao repertorio sinfónico internacional con dúas obras de referencia. Por unha banda, os Catro interludios mariños da ópera Peter Grimes de Benjamin Britten, unha serie de escenas orquestrais que describen diferentes paisaxes e estados de ánimo vinculados á vida mariñeira. Por outra, a Sinfonía nº 3 en Do maior, Op. 52 de Jean Sibelius, unha das obras máis representativas do compositor finlandés, que combina claridade formal e intensidade expresiva nunha linguaxe afastada do romanticismo máis expansivo.

En conxunto, o programa propón unha sucesión de “microrrelatos” musicais que conectan distintas épocas, estilos e territorios, mantendo sempre a presenza evocadora do mar como elemento común.

Os concertos terán lugar o mércores 22 en Vigo, no Teatro Afundación, ás 20.00 horas, e o xoves 23 en Santiago de Compostela, no Auditorio de Galicia, ás 20.30 horas. Nesta última cita celebrarase ademais unha nova edición do ciclo “Conversando con…”, que contará coa participación de Paul Daniel, Gabriel Erkoreka e Fernando Buide, e terá lugar ás 19.45 horas na Sala Mozart.

Entradas á venda
As entradas teñen un prezo de 15€ e con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, maiores de 65 anos, estudantes, menos de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas e poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo). Por outra banda, para o concerto de Vigo, as entradas poden mercarse a través da plataforma Ataquilla desde 13,30 €.