A Real Filharmonía de Galicia celebra este venres, 13 de febreiro, o segundo concerto do ciclo (EN)FOCO desta temporada, unha proposta que convida a gozar de experiencias musicais únicas a través dunha vivencia cultural completa e accesible. Nesta ocasión, o protagonista será o compositor estadounidense Philip Glass (1937), unha das voces máis influentes do minimalismo musical e unha figura clave na música das últimas décadas.
O concerto terá lugar no Auditorio de Galicia ás 20.30 horas. As entradas están dispoñibles a 15 euros para a asistencia ao concerto e a 21 euros na modalidade que inclúe a posibilidade de prolongar a experiencia cun pincho na Cafetería Lasso, convertendo a cita nun plan cultural e social completo.
Baixo a dirección de Sebastian Zinca, a orquestra contará coa participación do recoñecido cuarteto de saxofóns Kebyart, unha das formacións máis destacadas da súa xeración, que achegará a súa sonoridade versátil e contemporánea a un repertorio especialmente atractivo.
O programa ofrece unha panorámica representativa da linguaxe de Glass, caracterizada pola repetición de células rítmicas e harmónicas, a claridade textural e un desenvolvemento progresivo que convida a unha escoita inmersiva e contemplativa.
Interpretaranse Company —na súa versión para orquestra de corda—, o Concerto Grosso, obra que destaca o protagonismo de diferentes familias instrumentais, e o Concerto para cuarteto de saxofóns, unha partitura de madurez que explora as posibilidades expresivas dos saxofóns soprano, alto, tenor e barítono, combinando lirismo, pulso rítmico e ecos do jazz.
O minimalismo musical, desenvolvido por compositores como La Monte Young, Terry Riley, Steve Reich e o propio Glass, supuxo unha nova maneira de entender a escoita, centrada nos procesos sonoros e nos pequenos cambios que se producen ao longo do tempo. A traxectoria de Philip Glass, formada entre Baltimore, Nova York, París e a India —onde entrou en contacto co pensamento oriental e co músico Ravi Shankar—, deu lugar a unha obra que transcende o ámbito da música contemporánea para influír tamén no cine, a ópera e a cultura popular.
As entradas teñen un prezo de 15€ e con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, maiores de 65 anos, estudantes, menos de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas e poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).
Cómpre indicar que haberá outra modalidade de acceso para este ciclo, onde o público poderá adquirir unha entrada con petisco e bebida (21€) e aproveitar un espazo posconcerto na cafetería Lasso, localizada no propio Auditorio de Galicia. Este segundo concerto do ciclo (EN)FOCO constitúe unha oportunidade única para descubrir, en directo, o universo sonoro dun compositor icónico e a forza hipnótica dunha música que transforma o tempo en experiencia.


