A Real Filharmonía de Galicia interpretará o vindeiro xoves día 5, véspera do día de Reis, o seu tradicional Concerto de Reis. O mestre Paul Daniel, xa como director convidado, será quen leve a batuta do concerto.
Para este recital tan especial, que comezará ás 21h tralo remate da Cabalgata, a orquestra interpretará unha obra á altura da ocasión como é O Crebanoces, composto entre 1891 e 1892 por Piotr Ilyich Chaikovski.
A composición está dividida en dous actos e ten unha duración aproximada de 75 minutos sen pausa. O primeiro dos actos comezará con A decoración da árbore de Nadal, para rematar co último movemento, O valse das folerpas de neve. O segundo acto iniciarase coa escena O castelo máxico no reino dos doces para rematar co valse Apoteose.
O Crebanoces
Esta obra é un dos grandes ballets que Chaikovski compuxo a finais do século XIX xunto co Lago dos Cisnes ou A Bela Durminte. Foi composto por encargo do director de teatros imperiais, Iván Vsévolozhsky, quen escribiu tamén o libreto baseándose na adaptación de Alexandre Dumas do conto O crebanoces e o rei dos ratos, de E.T.A. Hoffmann.
É unha creación que destaca pola brillantez da orquestración do compositor e o seu imaxinativo da cor instrumental, xunto cunha poderosa despregadura de harmonía para un efecto dramático.
O público poderá deleitarse nesta ocasión cun espectáculo de fama mundial con movementos moi recoñecidos por todos como a Danza das Flores de Azucre ou o Valse das Flores.
Entradas á venda
Para a velada aínda quedan unhas poucas entradas á venda que se poden adquirir a un prezo de 15€ a través de compostelacultura.gal, na Zona C da Praza de Cervantes ou no despacho de billetes do Auditorio de Galicia desde unha hora antes de comezar o concerto.