A Real Filharmonía de Galicia leva a súa música a Portugal, aos barrios composteláns e aos grandes festivais do verán galego

A RFG actuará en Santiago de Compostela, Espinho (Portugal), Noia, Lalín e Ribadeo, ampliando a súa presenza dentro e fóra de Galicia e achegando a música sinfónica a novos públicos

O director asistente César Ramos debutará oficialmente á fronte da orquestra nos Concertos nos Barrios, que contarán coa participación do alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais como solistas

Baldur Brönnimann dirixirá o concerto de presentación da nova temporada e o tradicional concerto das Festas do Apóstolo

A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa programación de verán de 2026 cun percorrido que reafirma o compromiso da institución coa difusión da música clásica, a apertura a novos públicos e a proxección da orquestra dentro e fóra de Galicia. Entre os meses de xuño e agosto, a RFG ofrecerá concertos en distintos espazos de Santiago de Compostela e participará en citas destacadas como o Festival Internacional de Música de Espinho, o Noia Harp Fest, o Galicia Clarinet Fest ou o Festival Bal y Gay.

A programación estival da RFG continúa afondando nun dos principais obxectivos da orquestra: expandir a música máis alá dos auditorios convencionais e fortalecer o vínculo coa cidadanía a través de propostas accesibles, abertas e presentes en múltiples contextos culturais e territoriais. Ao mesmo tempo, a presenza da formación en Portugal e en diferentes localidades galegas consolida a vontade da Real Filharmonía de seguir ampliando fronteiras e proxectando a identidade musical de Santiago e de Galicia no exterior.

A programación arrancará os días 11 e 12 de xuño cos “Concertos nos Barrios”, que terán lugar na Casa das Máquinas de Galeras e na Igrexa de Santa María da Mercé de Conxo. Estes concertos marcarán o debut oficial de César Ramos como director asistente da Real Filharmonía de Galicia na anualidade 2026-2027. Ademais, contarán coa participación do alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) como solistas, nunha iniciativa que reforza a colaboración entre ambas institucións e aposta pola formación e proxección das novas xeracións de intérpretes.

O 18 de xuño, o Auditorio de Galicia acollerá o concerto de presentación da temporada 2026-2027 da Real Filharmonía de Galicia, unha cita especial na que a orquestra, baixo a dirección de Baldur Brönnimann, ofrecerá un programa sorpresa no que tamén se desvelarán as principais liñas artísticas e propostas da nova temporada.

A dimensión internacional desta xira de verán terá unha das súas citas máis relevantes o 20 de xuño coa participación da RFG no Festival Internacional de Música de Espinho, en Portugal, nun concerto dirixido tamén por Baldur Brönnimann. A presenza da formación compostelá nesta destacada cita europea reforza a proxección exterior da orquestra e o seu papel como embaixadora cultural de Galicia.

Xa no mes de xullo, a Real Filharmonía ofrecerá un concerto na Igrexa de Santo Agostiño de Santiago de Compostela antes dunha das citas máis emblemáticas do calendario musical galego: o tradicional concerto das Festas do Apóstolo na Praza da Quintana, que volverá reunir a milleiros de persoas arredor da música sinfónica nun espazo único do patrimonio compostelán. Baldur Brönnimann será o encargado de dirixir este concerto tan especial e simbólico para a cidade.

A xira continuará posteriormente coa participación da RFG no Noia Harp Fest, no Galicia Clarinet Fest de Lalín e no Festival Bal y Gay en Ribadeo, consolidando así a presenza da orquestra nos principais festivais musicais do verán galego..

Para máis información sobre a programación e detalles dos concertos, pódese consultar a páxina da Real Filharmonía de Galicia.

PROGRAMACIÓN VERÁN 2026 –  REAL FILHARMONÍA DE GALICIA

11 de xuño (20:00h) | Concertos nos Barrios | Casa das Máquinas (Galeras) – Santiago de Compostela
12 de xuño (20:00h) | Concertos nos Barrios | Igrexa de Santa María da Mercé de Conxo – Santiago de Compostela
18 de xuño (20:00h) | Concerto de presentación da temporada 2026-2027 | Auditorio de Galicia | Santiago de Compostela
20 de xuño (21:30h) | Festival Internacional de Música de Espinho – Portugal
17 de xullo (20:00h) | Concerto Igrexa Santo Agostiño | Santiago de Compostela
22 de xullo (21:00h) | Concerto das Festas do Apóstol | Praza da Quintana (Santiago de Compostela)
29 de xullo (20:30h) | Noia Harp Fest | Teatro Coliseo Noela (Noia)
7 de agosto (20:00h) | Galicia Clarinet Fest | Auditorio de Lalín
13 de agosto (21:00h) | Festival Bal y Gay | Igrexa de Santa María do Campo (Ribadeo)