Esta semana, Diego Martin-Etxebarria será o director convidado pola Real Filharmonía de Galicia para conducir o espectáculo “Novas Voces Galegas”, onde serán interpretados fragmentos de óperas, algunhas delas amplamente coñecidas polo gran público, por unha nova xeración de cantantes galegos: as sopranos Emilia Pérez e Lucía Iglesias e o barítono Lucas López.
Trátase dunha proposta que busca poñer en valor a calidade artística destas novas promesas da música clásica que, malia súa pouca idade, desenvolven con gran éxito as súas carreiras por diferentes teatros nacionais e internacionais. De feito, o público que se anime a escoitar as súas voces en directo poderá gozar da abertura e distintos extractos de catro célebres óperas: O barbeiro de Sevilla de Gioachino Rossini; As vodas de Fígaro de Wolfgang Amadeus Mozart; O matrimonio secreto de Domenico Cimarosa; e O morcego de Johan Strauss II.
O serán lírico terá lugar no Auditorio de Galicia o día 31 de outubro, ás 20:30 h. As entradas poden mercarse na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio (neste caso, só o día do concerto dende unha hora antes do seu comezo) a un prezo de 18€.
Unha oportunidade única para aquelas persoas que desexen deleitarse cun programa alegre, fresco e cunha interpretación expresiva e actual por parte de tres novos talentos galegos.
Un destacado director
Á fronte destes novos artistas e coa misión de entregar un espectáculo divertido, grazas á selección de números de óperas de carácter cómico, estará o director Diego Martin-Etxebarria. Coñecido por ser un dos mestres españois máis destacados da súa xeración, o seu ambicioso perfil profesional e artístico defínese por unha carreira con distintas facetas e que combina habitualmente ópera, repertorio sinfónico e ballet.
Saltou á fama internacional tras ser galardoado co Primeiro Premio, o Premio Hideo Saito e o Premio Asahi no Concurso de Dirección de Tokio en 2015. Foi Director Residente Principal na Ópera de Chemnitz de 2020 a 2023, despois de ser Director Residente Principal e Director Musical Adxunto das Óperas de Krefeld e Mönchengladbach de 2016 a 2020.